Regístrate gratis y recibe en tu correo las principales noticias del día

Eramos maiormente normais

Blanca Riestra

CULTURA

ABRALDES

Décimo capítulo da novela por entregas «Noire compostela» de Blanca Riestra

10 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando o viu alí plantado, Dafne tardou un tempo en comprender de que coñecía a aquel tipo tan grande. Mirou para enriba: o tipo tiña a face engurrada coma se estivese diante dun problema de difícil solución que esixía tódolos seus esforzos. Tendeulle a man primeiro ao cocho do Tolo e logo a ela. De vagar, como se tivese que facer un esforzo sobrehumano para saudala. E logo falou. Non dixo nada interesante.

Dafne afinou a vista ata situalo: xa estaba, aquel non era outro que o porteiro de discoteca, o monitor de aerobic que, ao final, resultara ser policía. Procurou na súa face síntomas de timidez ou de cretinismo pero non atopou ren. A pesar de que a situación non se prestaba a grandes algaradas, tivo a tentación de sorrir.

O policía falou. Confirmoulles o que xa sabían. O Tolo levaba varias semanas detrás dela contándolle historias para non durmir. Que o Xurxo está morto, que, se non está morto aínda, pouco lle queda, que o van matar, que hai que facer algo, que ti non tes sentimentos, que es unha tía guarra, que hai acochalo ou facer algo. E xa estaba farta. E alí estaba a conclusión a todo o asunto.

Levounos á cafetería da morgue. Non era un lugar moi glamuroso. Estaba deserta. Ela pediu un café; o Tolo, unha fanta; o grande pasou. Falaba moito. Había algo nos ordenadores do Xurxo que non entendía. Dirixíase ao Tolo, o moi parvo, como se o Tolo, que era máis bendito que un santiño, lle puidese informar sobre as porcadas que tiña o outro alí metidas.

-Xogabamos a cousas.

-Que cousas?

-Tiñamos amigos, unha banda de amigos, non é fácil de explicar, tiñamos moitas máis cousas en común con eles que cos daquí. Era unha comunidade moi aberta, moi cosmopolita, sabían moitas cousas interesantes. Só os coñeciamos polo nick, pero penso que os coñeciamos moito mellor que á xente a que viamos tódolos días fóra da web. Jeeez, Alistair, Uccello, Death 25, Lolitoe, Alopecia. Eramos unha cuadrilla normal. A única diferenza que tiñamos cos grupos tradicionais era que todos viviamos a moitos miles de quilómetros de distancia, en Arxentina, en Detroit, en Tel Aviv, en Málaga?

-E que quizais moitos deles fosen tipos de sesenta anos, asasinos en serie, pederastas, prostitutas mancas -engadiu Dafne.

O grande fitouna cunha intensidade non exenta de espanto.

-Parvadas. De moitos tiñamos fotos, eran rapaces coma nós, mandábannos unha morea de materiais inatopables, xoias: vídeos da Factory, bootlegs de Extremoduro, manuscritos de Stephen King hackeados do seu propio PC onde fantaseaba coa súa propia morte.

-Pero que dis?

O policía mirábaos -tamén a ela- con ollos como pratos. Calou. Era evidente que estaba a reprimirse, non se atrevía a falar de máis, non fose espantar a aquel rapaciño cocho que sabía máis que ninguén da desaparición do Xurxo.

-É que ti non podes entender, tiñamos unha comunidade de intereses.

-E canto tempo levabades con esa historia?

-Que historia? Non se monte películas. Tódolos tíos e as tías nas súas casa fan iso. Todos os mozos novos teñen relacións coa outra xente polo ordenador. Vostede non chatea? Non está nun site de ligoteo deses? -O poli engurrou os ollos, indignado-. Non eramos tíos raros. Non mesture as cousas. Eramos, maiormente, normais. Vostede non ten un perfil de Facebook? Hoxe todo o mundo o ten.

Na cafetería resoou, entón, a máquina de café e unha enfermeira moi falangueira acendeu a tele. Foi como se pasase un anxo, tempo morto, e o grande desculpouse e dixo que tiña que marchar, tiña que pasar pola comisaría antes das oito.

RESUMO

Logo de varias semanas sen dar sinais de vida, un estudante, Xurxo, aparece morto nas vías do tren. Ninguén entende por qué ía espido. Os seus pais acoden a recoñecer o corpo. Non entenden que puido pasar. As novas que lles dá a policía sobre a vida oculta do seu rapaz non concordan coa visión que eles teñen do seu fillo. Tamén dous dos seus amigos, o Tolo e Dafne, veñen a se interesar pola súa sorte e falan con Touriñán, o inspector encargado do caso. Touriñán recoñece á moza.