
Décimo segundo capítulo da novela por entregas «Noire compostela» de Blanca Riestra
12 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Paco e Touriñán quedaron falando ata as tantas. Xa non ficaba ninguén na comisaría: soamente os da garita, que loitaban coma titáns contra o sono. Touriñán foi ao baño e, a través da ventá semiaberta, esculcou as estrelas e escoitou tamén o grallar dunha gaivota desnortada.
-Vaites.
Fronte ao espello do baño cepillou os dentes. Cando volveu ao despacho, Paco revisaba na súa páxina de Meetic o perfil dunha madurita de ar masculino. Eran as catro. E aqueles eran os sites de ligoteo dos que falaba o outro rapaz.
-Veña. Imos dar un voltio. Teño que airear o caletre.
Paco levantouse de mala gana e Touriñán pechou a súa chupa. Compostela de madrugada resulta sempre somnolenta e moi viva, coa súa cobertura de nubes mainas. Paco ía amordicando unha barra de chocolate pola rúa da Senra. Non moi lonxe, na Ferradura, as árbores e as lámpadas conspiraban.
-Disme entón que o noventa e cinco por cento do contido da web é invisíbel?
-Abofé. En total haberá máis de 200.000 sitios que non se ven.
-Pero, por que os buscadores non chegan a ese fondo invisíbel? Quen llo impide?
-Ninguén lles impide nada. É un problema informático, trátase de páxinas non indexadas ou con contrasinais ou protexidas con programas ou protocolos específicos ou protexidas cun kaptcha?
-Nin idea.
-Ou, en moitos casos, de sites con extensións fuxidías, coma exe, rar, zip. Non sei. Non lle deas máis voltas.
-Entón, como se chega a eses contidos segredos?
-Hai moitos métodos, as arañas web ou os bots. Tamén hai softwares específicos. Tamén para o contrario, claro, para non ser rastrexado.
-E logo?
-Eu xa teño estado de garbeo por alí e o que vin non foi para tanto?
Estaban sentados no medio de Obradoiro, nunha especie de pícnic improvisado. Non ía frío. Paco remataba a súa chocolatina e o grande Touriñán sacou outro pito do seu peto. Logo cambiou de opinión e o pito retornou por onde viña. Suspirou.
-E que viches? Vídeos cochos?
Paco riu.
-De todo hai. Atopas valores de bolsa, información do tempo, horarios de trens, bases de datos das axencias de intelixencia, disidentes políticos e tamén, claro está, contidos criminais, e moitas, moitas porcalladas.
A Berenguela repicou e eles levantáronse. Camiñaron polo Franco ata a praza de Galicia.
-E que queda aberto agora?
-Na miña época o único que quedaba aberto era o Maycar.
-Veña, imos botar unhas risas, págoche unha fanta -dixo o Paco, festeiro.
O interior do Maycar era coma o recordaba de mozo: escuro e tapizado. O fume de hai vinte anos non estaba pero persistía a sensación de intensa irrealidade. Na barra un bébedo de certa idade falaba cunha rapaza moi noviña. O bébedo non parecía perigoso pero Touriñán fixouse e viu que tiña os ollos arrasados. Non arrasados de bágoas senón de amargura. Era a ollada de alguén que xa non era humano de puro acerbo. O tipo separou a ollada deseguida, moi incómodo.
Paco pediu unha bebida con granadina. Touriñán mofouse del e decantouse por unha cervexa de botella. Espreitou ao lonxe como as rapazas se movían na pista, como se intercalaban e se separaban, os seus corpos parecía cheos de linguas, algunhas, audaces, xogaban a seducírense mentres os tíos nas mesas non lles facían moito caso.
Ao seu carón, a parella rifaba. O tipo de ollada fea parecía suplicante; a mociña colleu o seu bolso e marchou ao baño. Touriñán lembrábase do baño, lustroso e perfumado, de cando viña todos os xoves para ligar e nunca marchaba do local sen unha moza. Os tempos cambiaran. Escoitou a Paco que falaba.
-A granadina é un clásico, ti non tes nin idea.
RESUMO
Touriñán e Paco, o especialista en delitos informáticos da comisaría de Hortas, conversan sobre os contidos atopados no ordenador do Xurxo. Non hai nada esclarecedor. Hai, iso si, algo de ligoteo, un pouco de sexo, moita obsesión polas mitoloxías nórdicas, os clans, as armas de fabricación caseira, e sinais de tráfico duns estupefacientes dos que ninguén escoitara falar na vida. E tamén -e iso Paco entende que é importante- unha cinta VHS cunha rapaza loura moi fermosa.