
Decimoquinto capítulo da novela por entregas «Noire Compostela» de Blanca Riestra
15 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Nos días que seguiron á aparición do corpo nas vías do tren, Touriñán non volveu ao bar onde, antes, pasaba moitas das mañás ou das tarde libres lendo a prensa. Dafne pensou que estaría ocupado coas reconstrucións, cos rexistros, con todas esas tarefas técnicas que dan para reencher series televisivas.
Con todo, resultáballe estraño non ter sido aínda interrogada. Sabía que o cuarto do Xurxo estaba ateigado de fotos súas, de prendas, de libros co seu nome. Aquel silencio significaba que alguén pretendía darlle caza?
Por iso mesmo, cando Touriñán fixo aparición no Rúa Nova, a Dafne deulle un arrepío. Xa non lle parecía tan simpático ni tan aparvado. Tampouco Mariquiña nin o patrón troulearon máis sobre o seu namoramento.
-Olla. Este vén de malas.
Cando Dafne acudiu, el ergueu ben a testa coma se estivese a medir a súa estatura física ou moral.
-E que vai ser?
-Un auga -rosmou o outro.
Logo retívoa, tomándolle o brazo:
-Daquela, vente para acá e senta comigo. Temos que falar.
-Espere.
Dafne secou as mans co pano que levaba arremetido no cinto e foi cara á barra. O patrón fíxolle un sinal para que se apresurase. Volveu un minuto exacto despois coa consumición e unha boa historia no maxín.
-Senta.
Dafne era ben consciente do seu atractivo. Por algunha razón -que non comprendía pero aceptaba-, os homes toleaban cara a ela. E non era polos ollos pequenos e brunidos coma cantos rodados, nin polas súas longas extremidades nodosas; non era o porte vaidoso, nin o colo e o perfil ben debuxados. O seu poder de sedución tiña que ver máis ben con aquel o seu xeito de pasar pola vida sen prestar atención, coma se nada fose con ela. O desapego resulta, de cando en vez, irresistíbel.
Non falou, ollou para el e preparouse a escoitar.
-E ti, a que xogas? -dixo el.
-Non sei que di.
-Veño de visionar unha gravación cando menos curiosa.
-E logo?
-Non hai nada.
-Algo habería.
-Soamente ti, con moi pouca roupa, filmada de moi moi preto.
Dafne forzou un certo rubor. A verdade é que aquela cinta traíalle ao pairo.
-Co Xurxo tiña moi pouca relación, seica andaba cada vez máis tocado.
-Non era o teu mozo?
-Iso non é sermos mozos. Eramos amigos, nunha época máis íntimos, logo menos íntimos. El andaba medio aducido.
-Moi bonito.
-Estaba obsesionado, tiña premonicións, coleccionaba trapalladas. Deulle por coleccionar vinte mil obxectos absurdos. Comprábaos por internet, colectábaos por todas partes. Regalábamos. Encheume a casa de lixo.
-E ti que crees que lle pasou?
-Teño que saber?
-Supoño.
Dafne calou e baixou os ollos, simulando unha certa inocencia.
-Non sei. Depresión? Suicidouse? Moi contento non estaba. Axuste de contas?
-De que contas, ho? Estás a me tomar o pelo.
O poli non parecía moi contento coa súa versión dos feitos.
-Non sei, fumaba moito, seica vendía un pouco tamén para chegar a fin de mes. Ao peor as cousas complicáronse. Eu non sei nada.
Dafne calou un intre para reflexionar. Estaba a expresarse moi pero que moi mal. Con moi pouca presenza de ánimo. Que estaba a lle pasar? As teorías na súa boca semellaban inverosímiles, nunca na súa vida tivera unha aparencia tan insincera, tan pouco natural.
-Merda -dixo e golpeou coa man na mesa, afogando a coraxe. Levouse logo a man ó peito para calmar a dor.
Touriñán reprimiu por enésima vez a tentación de darlle unha labazada ou un beixo. Calou. Dafne colleu pulos e intentouno de novo:
-Quizais non pagara a tempo e as mafias acabaran con el. Non lle parece?
A teoría soaba feble na súa voz. O outro ollaba para ela sen falar.
RESUMO
Touriñán pasa a visitar ao Tolo no seu piso, quere facerlle algunhas preguntas. O Tolo, atemorizado, ábrelle a porta. Parece aliviado, coma se estivese esperando a outro. Logo de deixalo entrar, fálalle dun navegador secreto inventado pola Mariña americana. Dille que o mundo virtual non é real, que existe a liberdade informática, o dereito a circular libremente, que a moral -quizais non o saiba- non é aplicable ao mundo virtual. Touriñán confesa que non entende ren.