Non tiña visitas

Blanca Riestra

CULTURA

Decimosexto capítulo da novela por entregas «Noire Compostela» de Blanca Riestra

16 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Pero, entón, atoparon ao Tolo esmagado contra o piso do seu patio, fronte a Área Central. Ao parecer saltara pola ventá escapando de alguén. As gaivotas extraviadas facían vela ao seu redor.

Touriñán non se sorprendeu.

-Cada vez hai máis gaivotas en Santiago -musitou-. Mal signo.

A porteira do edificio tamén os esperaba. Tiña reclamacións que facer:

-É que non pode ser. Isto é non ter respecto por ninguén. Aquí somos todos traballadores honrados, hai familias con nenos, escóiteme ben, temos familias con lactantes, ata diso temos. E un par de dependentes. Se un se quere matar, señor meu, está no seu dereito, eu non vou ser quen de dicir nada. Pero que o vaia facer na súa casa, sen molestar, nin escandalizar á veciñanza. Non así, home de dios, nas zonas comúns, deste xeito tan pouco considerado.

-Entendo, ten razón -asentiu o Touriñán, que esta vez ía acompañado dun par de gardas e da forense, unha señora entrada en carnes de armas tomar. Como se temía Touriñán, a forense, que era da Coruña, non puido resistirse e entrou ao trapo.

-Señora, que se cree usted que la gente se suicida para darle o quitarle gusto a usted. A la gente le importa una mierda lo que piense. Calle y deje trabajar a la policía. O si no, quéjese al concello.

A forense púxose as luvas e procedeu a recoller probas entre os restos espallados. Touriñán que lle tiña bastante temor a tal señora, aproveitou para facerse conducir pola porteira ao décimo piso.

-Quen lle pagaba o piso ao rapaz? Porque non parece un edificio barato.

A porteira sabía de todo sobre todos:

-Claro. Ten razón. O piso era dos pais, que teñen unha inmobiliaria en Ribadavia, xente de cartos. O rapaz este non era mal rapaz, o meu pobre, pero dun tempo a esta parte non saía case nunca, faltaba ás clases. Non sei se sería cousa das drogas. Seica recibía moito correo do estranxeiro e tamén levaba moitos paquetes a Correos, para enviar fóra. De cando en vez, alguén o vía asomado á ventá no medio da noite. Non fumaba nin nada así, estaba así parado conversando. Logo vin que tiña un pinganillo deses que se usan para falar por teléfono.

-Coa moza?

-Non era do xénero que bota moza, era máis ben dos que xogan a rol e a xogos de guerra, deses que teñen katanas colgadas na parede. O meu fillo tamén é así. Coñézoos ben. Estes non botan moza.

Touriñán forzou a porta e entrou con precaución para non tocar ren. A habitación estaba curiosamente recollida, non había po ningún sobre a mesa de aglomerado, as zapatillas do rapaz estaban aliñadas. Enriba da cama había un cartel de Matrix reloaded e outro do Silencio dos cordeiros.

Non había película ningunha, nin revistas, nin papel ningún. Tamén o ordenador portátil tapizado de stickers estaba abatido coma un mal sono. O Tolo tivera tempo de pechalo antes de saltar pola ventá dentro da noite.

-E non se lembra de ver algunha rapaza, alguén que viñese de visita algunha vez, non sei, unha rapaza loura, por exemplo?

-Non me lembro, non. Non tiña visitas nunca. Nin sequera os pais viñan. Non se levaban ben, os pais entre eles quero dicir, seica andaban cos trámites de divorcio. Esas cousas son difíciles para os rapaces, moitos non se recuperan. Hainos que ingresan en seitas ou se meten gais. Seica moitas cousas desas son por mor da inestabilidade familiar.

Touriñán asentiu sen escoitar. Sentou na cama e, logo, levantouse pensando cal sería a reacción da forense se o vía estragando posíbeis probas. E seguiu a falar coa porteira sobre os beneficios da psicoterapia en moitos casos.

RESUMO

Dafne estráñase de non ter sido interrogada. O cuarto do Xurxo estaba cheo de prendas súas e obxectos que os relacionaban. Precisamente, ese mesmo día, atopa no bar a Touriñán, que vén de malas. Faina sentar á súa mesa e procede a bombardeala a preguntas. Dafne repasa con el a súa estraña relación con Xurxo: o mozo estaba obsesionado, tiña premonicións, coleccionaba trapalladas. Deulle por amorear vinte mil obxectos absurdos. Comprábaos por internet, colectábaos por todas partes. Encheulle a casa de lixo.