
Decimosétimo capítulo da novela por entrecas «Noire Compostela» de Blanca Riestra
17 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.Touriñán deulle ao play. Estaba deitado na cama do hotel onde vivía, en calzóns. Paco prestáralle un reprodutor de VHS moi velliño pero que funcionaba coma unha seda.
-Lévao. Non teño présa. Imprégnate no asunto.
E alí estaba el ollando aquel vídeo onde alguén gravara uns únicos minutos afogados nunha inmensidade de negrura.
Touriñán premeu o play e logo o fastforward, logo volveu para atrás. Alí estaba. E a cámara acercábase a modiño, entraba nunha habitación sombreada. Tralas persianas un presentía o morno verán galego. E a cámara seguía e seguía, ata deterse enriba do corpo cuberto por unha única saba luminosa. Non se escoitaba máis que a respiración da rapaza durmida. E as imaxes alí se cortaban. Só iso.
Endereitouse, nervioso, agora a gravación recomezaba case de inmediato. Un can pequeniño ladraba e a mesma rapaza xogaba con el, mostrándolle un xoguete. Estaban nun xardín privado, preñado de camelias. O can brincaba e corría e a rapaza ollaba para a cámara e dicía: «Non». «Non», dicía ollando para a cámara. E logo volvía á escuridade. Á negrura.
Touriñán contivo a respiración. Quedábanlle soamente as últimas imaxes. As derradeiras, as mellores, dicía Paco.
-É no minuto 45 -dixéralle-.Ti me dirás.
Agora Touriñán, sumido nunha especie de aprehensión morriñenta, preferiu tragarse toda a metraxe trémula con interferencias. Deixouse embeber polas frituras e as raias negras, pola famosa neve do fin do mundo que inundaba toda a pantalla da televisión como unha certeza.
E logo, cando o cerebro empezaba a se afacer ao barullo cósmico, cando o corpo empezou a amolarse coma se alguén cortase as cordas da marioneta, entón, de súpeto, apareceron aqueles minutos preciosos onde aquela rapaza tan similar á súa Dafne, nunha sala de estar burguesa, cos seus bustos e os seus lladrós e as súas cretonas, fitaba a cámara, mentres outros lle falaban. Dicíanlle cousas cotiás. E ela respondía: «Non quero», e puña un aceno fermoso e inocente.
E alí estaba ela, coa súa pel tan sumamente límpida e a neumaticidade infinita do seu corpo. E dicía: «Non, non insistas». «Dádeme unha calada», dicía. E unha man de home pasáballe un cigarro roibo e ela aspiraba e era entenrecedor vela fumar porque fumaba como unha meniña e atragantábase e tusía e logo ría de novo. E logo soamente quitaba a camiseta longa de tirantes e a braga, que era un pantalonciño curto, e quedaba así espida. Os outros rían. El imaxinou que todos estarían vestidos menos ela. Pero non chegou a ver a ninguén. Con todo, a súa nudez non resultaba obscena porque a xuventude nunca é obscena.
Touriñán atopouse pensando:
-É tan fermosa que non pode ser culpable de ren.
E, entón, Dafne no vídeo comezara a rir tamén, pero a súa risa non fora unha risa longa porque a gravación cortábase nun intre. Cando a risa de Dafne se cortou foi brutal, coma se un asistise a unha mutilación en vivo, coma se algo saíse á superficie, algo que non tiña que ver con Dafne ni con o seu grupo de amigos especiais, era algo que tiña que ver con todos nós, algo que adxectivaba a nosa vida no planeta Terra e puña acento sobre algo calado e agachado dende séculos e séculos, para sempre calado e agachado.
Touriñán puxo o pantalón e unha zamarra e baixou á rúa, non podía aturar a tensión. Era demasiado tarde para ir ao ximnasio, pensou en pegarlle a alguén. Iso pódese facer. Ir e zoscarlle alguén, só porque mira para ti, para que non che explote o caletre.
-Nalgures habería alguén que merecese ser zoscado -dixo para si. Só tiña que atopalo.
RESUMO
Os veciños atopan ao Tolo esmagado contra o piso do seu patio, fronte á Área Central. Ao parecer saltara pola ventá fuxindo de alguén. As gaivotas extraviadas facían vela ao seu redor. A porteira explica que era moi tranquilo e non recibía visitas, e menos de rapazas. Cando Touriñán entra no seu cuarto pechado, atópao todo ordenado e limpo, non hai revistas, nin filmes, nin papel ningún. O ordenador portátil tapizado de stickers está abatido coma un mal sono.