O Consello da Cultura Galega, observador consultivo da Comunidade dos Países en Lingua Portuguesa

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

As xestións para este ingreso remóntanse ao 2010, cando se iniciou o proceso de tramitación, co obxectivo de «facer máis visible a lingua e cultura galegas no exterior»

02 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O Consello da Cultura Galega foi admitido na mañá de onte na Comunidade dos Países en Lingua Portuguesa en calidade de observador consultivo. O acordo produciuse na conferencia de xefes de Estado e Goberno da entidade lusófona e supón o remate dun proceso que se iniciou hai xa seis anos, culminando co ingreso do Consello, a primeira institución galega en formar parte da Comunidade dos Países en Lingua Portuguesa.

As xestións para este ingreso remóntanse ao 2010, cando se iniciou o proceso de tramitación, co obxectivo de «facer máis visible a lingua e cultura galegas no exterior», segundo Ramón Villares, presidente do Consello. A inclusión supón que Galicia poderá estar presente nas xuntanzas temáticas da Comunidade, intercambiar información dentro desta rede de Estados e servir de ligazón entre os seus organismos e a cultura e lingua galegas. Para Villares, a decisión supón «facer visible que Galicia é a fonte da que nace a lingua portuguesa e é un xeito de ser recoñecidos polo mundo lusófono».

O Consello da Cultura Galega foi a primeira institución galega en solicitar a inclusión neste organismo, xa no ano 2010. A solicitude contaba tamén co apoio unánime do Parlamento de Galicia, coa aprobación no 2014 da lei Valentín Paz Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e os vínculos coa lusofonía. No artigo 3 desta lei sinálase que «se fomentará a participación das institucións e foros lusófonos de todo tipo».A Comunidade dos Países en Lingua Portuguesa naceu no ano 1996 como un «foro multilateral orientado á cooperación entre os seus membros». Nel participan todos os Estados que teñen a lingua portuguesa como oficial e moitas outras entidades vinculadas ao ámbito da lusofonía e intereses estratéxicos, económicos, sociais ou culturais compartidos.