Cornucopia

Luís G. Tosar
Luís G. Tosar ENTRE LIÑAS

CULTURA

13 abr 2017 . Actualizado a las 18:25 h.

Derek Alton Walcott (Santa Lucía, 1930-2017) poeta, dramaturgo e ensaísta, non estivo en Compostela en setembro de 1993. Malia o que se afirma en Carlos Casares un contador de historias. Vida e Obra, novidade editorial que sitúa ao recentemente falecido, Nobel de Literatura (1992), como un dos escritores convidados ao 60.º Congreso Internacional organizado polo PEN de Galicia -presidido, daquela, por Úrsula Heinze- terían que pasar oito anos para que puxera pé, por única vez, en Galicia. Si é certo que Carlos Casares e quen subscribe, en Toronto, setembro de 1991, tamén nun congreso mundial do PEN, tivemos a sorte de que Nélida Piñón nos presentara ao autor de Omeros, impresionante poemario que acababa de saír do prelo e que motivara, supuxemos, a inclusión de Walcott entre as estrelas literarias daquela xuntanza. Lembro aquel Derek, un mulato alto e ben plantado, serio e de poucas falas, máis ben tímido, que sentou connosco e que acabou esmendrellándose de risa cando Nélida contou a tráxica peripecia de José Antonio Bilbao, un amigo que nos acompañaba. Resulta que a este poeta paraguaio extraviáranlle a maleta, perda que non lle importaba máis ca polo mate. Precisamente, cando topamos con Walcott, viñamos de percorrer -con Nélida, claro- varias tendas sen éxito; non había herba mate. En abril do 2001 celebramos en Santiago, os do PEN, un evento de grande suceso promovido pola Unesco: o Día Mundial da Poesía, a anterior edición fora en Delfos. Viñeron, entre outros e outras, Walcott e Soyinka. A actitude do caribeño, xa Nobel, deixou moito que desexar. Houbo que lle pagar os honorarios en mau -esixiu dólares contantes- e mostrouse enfurruñado os catro días. Trouxo canda si á súa muller, unha loira despampanante que case non saíu do hotel. Il notábase moi pendente dela, como ciumento.