«Demostramos que o galego era unha lingua útil para falar de todo»

Luis Carlos Llera Llorente
luis carlos llera REDONDELA / LA VOZ

CULTURA

M.MORALEJO

Xosé González creou no Concello de Redondela o primeiro servizo de normalización lingüística de Galicia

31 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González Martínez (Vigo 1950), coñecido como Pepe de Redondela, artífice do primeiro servizo de normalización lingüística de Galicia, xubílase despois dunha intensa carreira como funcionario en Redondela e traballador na defensa a prol do uso cotián do galego na administración e na vida diaria. González puxo en marcha unha manchea de asociacións para galeguizar Galicia. Hoxe réndenlle homenaxe no castelo de Soutomaior coa asistencia de máis de 180 amigos e persoeiros da vida cultural e social do país.

-Vostede cumpre 67 anos en xuño. Xubílase o 6 de abril. ¿Non quería xubilarse ata o de agora?

-Incorporeime tarde ao mundo laboral. Antes dediqueime á política.

-¿Cando chegou ao Concello de Redondela?

-Empecei en 1979.

-¿Foi un dos fundadores da UPG?

-Fun un dos refundadores. Incorporeime en 1967 [fundárase no 64]. Fun a primeira persoa procedente do mundo obreiro. Antes xa estaban María Xosé Queizán, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xavier Pousa, Luís Soto.

-E logo botárono, ¿por que?

-Na UPG pensaban que só podía existir un partido nacionalista e eu defendín que tiña que haber varias formacións.

-¿Chegou a estar no cárcere?

-Foi en agosto do 1975. Estiven un mes. Acusáronme de ser dirixente da UPG e torturáronme.

-Xa na democracia, foron a por vostede.

-Estaba facendo un curso en Barcelona en 1983 e viñeron ao hotel Montecarlo uns señores con metralleta. Tiñan unha orde de busca e captura porque non destruíran a ficha. Pero eu era amigo do gobernador civil de Pontevedra, Virginio Fuertes, e soltáronme.

-¿Como leva a homenaxe que lle organizaron?

-Eu son tímido cando me toca ser protagonista. Son dado ao traballo en equipo. As vaidades son mal de moita xente.

-¿Cal é a súa máxima?

-Fronte ao pesimismo da razón hai que poñer o optimismo da vontade.

-Vostede promoveu o premio Blanco Amor. ¿Como foi?

-Eu coñecía a Blanco Amor e, ao morrer el, o alcalde de Ourense non quixo que o cadaleito entrase no Concello. E eu propuxen un acto de protesta. Para restaurar a súa memoria creamos un premio de novela galega. Corenta e dous concellos puxeron 25.000 pesetas cada un e foi organizándose de xeito itinerante.

-Redondela foi o primeiro Concello en ter servizo de normalización lingüística.

-Fixen relacións con políticos de Cataluña e o País Vasco e empecei a ir por alá. Levábannos moitos anos de vantaxe e puxen en marcha o servizo con moita imaxinación.

-A primeira campaña tivo moito éxito.

-Era unha campaña dirixida a crear autoestima sobre o uso do galego. Fixemos 35.000 carteis, deseñados por Manolo Janeiro e Paco Mantecón. Eliximos a persoeiros como Monseñor Araújo, bispo de Mondoñedo, Fernando Rey, Amancio Prada, Pilar Sanjurjo, Luis Mariñas, Fernando Ónega, Fernando Romay e Miguel Ángel, o porteiro do Real Madrid.

-¿Cando conseguiu que o Concello usase o galego co normalidade?

-Primeiro fixemos cursos e guías para o uso do galego. No ano 1983 xa estaba todo en galego.

-No ano seguinte houbo un salto, a primeira sentenza en galego. ¿Como se fixo?

-Demostramos que o galego era unha lingua para falar de todo. Contactei con Claudio Movilla, que estaba na Audiencia Territorial e era presidente da sala do contencioso. Así ditouse a primeira sentenza en galego despois de 400 años.

-¿O galego ten boa saúde?

-Normal, porque eu non son pesimista. Estamos lonxe do ideal pero houbo avances grandes.

«Estiven un mes detido e torturáronme

por ser dirixente

da UPG»