Viaxe a C.C.

Luís G. Tosar
Luís G. Tosar ENTRE LIÑAS

CULTURA

01 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Toda unha vida en medio milleiro de cousas: libros, revistas, orixinais, fotografías, estilográficas, discos de vinilo, cámaras de fotos, máquinas de escribir, un ordenador, magnetófonos, trens eléctricos… Obxectos, máis ou menos semellantes ós que se recollen nas exposiciós ó uso. Poden velos na mostra Os mundos de Carlos Casares -aberta ó público en Ourense, no centro José Ángel Valente-, pero os acertos de verdade son medida e materia, bases fundamentais para amosarlle á xente a traxectoria dun escritor moi de escalas reducidas e texturas cálidas. Desto falabamos con Manuel Rodríguez, Manolo o Filósofo -como lle chamaba Casares, con cariño-, amigo íntimo; coñecidos e colaboradores, abondan este ano.

Carlos está, como a il lle gustaría, discreto, en cinco prismas: Paisaxes, Luzadas, O redondel, Conviña e A viaxe. Todas cinco ben definidas, non sei se didácticas, transmisoras do seu espírito, do seu xeito, das súas teimas, ata do seu humor… Non hai excesos nin corpos de letra e tipografías esaxeradas. As maletas e os tableiros, madeira maciza de piñeiro, aportan naturalidade, fan cómodo o ambiente, imprescindible tratándose do autor de Deus senado nun sillón azul. Mostra moderna no deseño, carece das esaxeraciós interioristas que só magnifican: fotografías enormes, itinerarios complexos, pantallas xigantes que, máis que informar, distraen. Gostei de ter ido a Auria e reatoparme co sorriso cómplice de Carlos, «home, ¿que óso lle quebrou?», e coa sinceridade de Cristina, «¿xa non fumas? Non cho creo». Emocioneime ó recuperar cousas da casa de Vilariño que, co tempo, medio esquecera. Impactáronme, máis ca nada, o mate e a bombilla. Si, un cazolo de prata labrada do grandor dunha cabaza pequeneira e a correspondente canivela, especie de absorbente, tamén de prata, co bico de ouro. Este par de obxectos, agasallo do Centro Galego de Buenos Aires, devolvéronme a xullo de 1985, á viaxe de Casares á Arxentina. Haberá que lla contar, cando medre un chisco, a Julia Karin, filla de Christian, o menor dos Casares Berg. Seguro que lle encantará esta historia de seu avó que non figura nos libros.