Unha vida de perdas e creación autodidacta

Mariño foi a cuarta de cinco irmáns e dedicouse dende moi nova ao mesmo oficio que a nai: costureira


Redacción / La Voz

O que segue é o percorrido vital da poeta relatado a través dos fitos.

1907. Nace en Noia o 8 de xuño, filla de Xosé Mariño Pais, zapateiro, e Filomena Carou Lado, costureira. É a cuarta de cinco irmáns e dedícase dende moi nova ao mesmo oficio que a nai. María Mariño ocultou a data do seu nacemento, que desprazou a 1918 (como sinalaba o seu DNI).

1939. A familia trasladarase a Escarabote en 1926, onde María tivo acceso á biblioteca do pazo de Goiáns, logo emigra á vila de Algorta (Biscaia), onde sufre o cerco de Bilbao na Guerra Civil e, posteriormente, retorna á Boiro.

1939. En Boiro coñece e casa co mestre compostelán Roberto Posse, oito anos menor, motivo polo que posiblemente agochou a súa data de nacemento. Seguirao nos seus destinos como mestre.

1945-1947. Ten o seu único fillo en Elantxove (Biscaia), que morre ao mes de nacer. Retorna á Galicia e instálanse na Serra do Courel, primeiro en Romeor e despois na casa-escola de Parada, onde fai fronte á crise nerviosa pola perda da nai en 1947, á desaparición de dous irmáns e do fillo.

1956. Comeza a escribir poesía en lingua galega orientada por Uxío Novoneyra e, nos primeiros 60, coñecerá na casa do poeta en Parada a Manuel María, Saleta Goi, Sixto Seco, Albor. Tamén a Ánxel Fole, en Lugo. Novoneyra dará a coñecer os poemas de María ás súas amizades e os recitará; algúns sospeitan que a escritora é un pseudónimo do poeta.

1963. Publica Palabra no tempo.

Simultaneamente, nos anos 60 escribe en lingua castelán o poemario Más allá del tiempo e a narración inédita Los años pobres. Memoria de guerra e posguerra.

1966-1967. Escribe os 35 poemas do libro Verba que comenza, publicado postumamente en 1990. Ese ano A Trabe de Ouro edita os poemas Relatos-Cantos finais.

1967. O 19 de maio morre dunha leucemia en Parada do Courel, tras longa enfermidade.

1983. A asociación cultural Catavento organiza en Noia unha homenaxe popular a Mariño na súa casa natal e participan nun acto literario Avilés de Taramancos, Ferrín, Ana Romaní, Helena Villar, Graña, Oroza e Novoneyra.

1994. Xerais edita Obra completa.

2007. No centenario do seu nacemento dedicáronselle as Letras Galegas. A candidatura presentada por Rosario Álvarez, Salvador García Bodaño e Xosé Luís Axeitos triunfou no plenario da RAG por ampla maioría, mais acompañada dunha controversia sobre a autoría. O debate sobre a escrita autodidacta e a autoría compartida abriuse para investigar e celebrar a obra dunha muller poeta nin esquecida nin descoñecida.

Votación
1 votos
Comentarios

Unha vida de perdas e creación autodidacta