O Día das Letras 2018 honrará á narradora, tradutora e ensaísta María Victoria Moreno

Montse Carneiro A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

RAMON LEIRO

A RAG subliña o labor precursor da autora estremeña na literatura infantil e xuvenil en galego

18 jun 2017 . Actualizado a las 04:00 h.

«Eu non son alófona porque o que practico, se é que escribo, podería definirse coma unha amorosa autofonía (...) A miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor». Desde a súa condición de muller e galega explicábase María Victoria Moreno Márquez (Valencia de Alcántara, 1941-Pontevedra, 2005) , malia ter nacido en Cáceres e non chegar a Galicia ata os 23 anos após casar cun profesor cego destinado á cidade na que axiña ocuparía a súa praza de profesora, catedrática despois, de Lingua e Literatura Española no instituto Valle Inclán.

«A súa voz pioneira da narración en galego para o público máis novo» subliñou o pleno da Real Academia Galega que decidiu onte á mañá, en segunda votación, elixila protagonista do Día das Letras Galegas 2018, «para nada por criterios de cotas, senón por criterios de méritos, que é como se consideran as cousas na Academia», anotou o presidente da institución, Víctor F. Freixanes.

A escolla da autora de Mar Adiante (Edicións do Castro, 1973), obra fundacional da súa traxectoria literaria en galego, foi promovida polo expresidente e amigo da homenaxeada Xesús Alonso Montero, que onte salientou «o espírito verdadeiramente extraordinario dunha muller con vocación de apostolado. Eu non coñezo, e estou disposto a que se me rectifique, unha persoa tan comprometida coa causa da lingua e da literatura galegas como ela», afirmou o profesor.

María Victoria Moreno é a cuarta muller á que se lle dedica o Día das Letras, despois de Rosalía, coa que naceu a celebración en 1963, Francisca Herrera Garrido (1987), primeira académica da RAG, e a poeta María Mariño no 2007. Na súa presentación, Alonso Montero augurou un 17 de maio proveitoso e popular, «levado por unha personalidade que facilmente vai prender no ánimo, no espírito, na curiosidade e nas inquedanzas dos escolares, dos alumnos de institutos e da xente que está en calquera colectivo cultural da cidade, dunha vila e mesmo da aldea. Iso é sempre moi importante. Vímolo moi ben no caso de Manuel María o ano pasado, no de Carlos Casares este ano, e vámolo ver con María Victoria», salientou o expresidente, que aludiu ao seu labor como tradutora -«o día que se faga a historia da tradución galega ela será un capítulo»- e ao seu As Linguas de España, editado pola Xunta, «que eu creo que o firmaría o mesmísimo Menéndez Pidal, se don Ramón tivese a sensibilidade periférica que nós temos».

Mayoral, académica de honra

«A segunda noticia do día», cualificou Freixanes, foi o nomeamento da novelista, catedrática e columnista Marina Mayoral como académica de honra a proposta de Xosé Luís Franco Grande.