O xurado salientou que o traballo gañador «é unha lúdica reflexión metapoética que cuestiona a enunciación do eu lírico»
02 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.A Fundación Gonzalo López Abente deu a coñecer onte o resultado do concurso de poesía, que este ano chegou á súa cuarta edición. Eli Ríos (Elisabeth Ríos Liste) foi a gañadora do certame coa obra Culpable, que presentara co lema Gita Gogóia.
O xurado salientou que o traballo gañador «é unha lúdica reflexión metapoética que cuestiona a enunciación do eu lírico». Valorou, ao mesmo tempo, «a proposta poética, que é moi arriscada, tanto no aspecto formal como de contido». O poemario achega, segundo expón, «unha deconstrución do verso ao tempo que se ofrece unha hibridación de xéneros». O tribunal estivo formado por Miro Villar, Serxio Iglesias e Suso Sambade, que foi o secretario.