«Dhogs», o escuro do ser humano

borja casal / x. f. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A película de Andrés Goteira é o primeiro filme en galego seleccionado para o Festival de Sitges, o certame de referencia en cinema fantástico

15 ago 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Non é un cine para todos». Iso é o que di Andrés Goteira, director de Dhogs, cando alguén se interesa pola súa primeira película. O título dá boa conta do que vai ver o espectador, xa que é un xogo de palabras en inglés entre can e porco. A cinta é unha road movie na que os personaxes non paran en ningún momento e na que, segundo sinala o director, «hai thriller, pero tamén un chisquiño de comedia ou de serie B».

Sobre a forma de narrar, Goteira di que «hai tres historias diferentes que se van enlazando e tres puntos de vista diferentes dentro de cada unha. Durante toda a película estou mirando de diferentes maneiras, unha para ser alguén que mira en terceira persoa, outra para estar na mesma acción e outra para ser quen pulsa o botón». Por outro lado, é un traballo comprometido coa cuestión de fondo que hai no filme, e que o cineasta explica afirmando que «a máxima que hai na película é esa pasividade que vas encontrando cada día. Parece que vivimos nunha burbulla e que se saímos dela temos medo. Parece que non queremos facer nada para cambiar o mundo, vivimos ben nesa pasividade». Goteira non só fala de Dhogs como director, xa que sempre tivo claro que «quería ser o espectador da película». Anteriormente ten feito curtas cos seus amigos, aprendendo e rodando ao tempo. Para este proxecto tomou como base este grupo de compañeiros e sumou a distintos profesionais, o que lle parece «unha boa táctica para facer unha primeira película». Sen moita experiencia previa nunha produción destas características, di que dende o primeiro minuto non sabía o que ía pasar, e o que pasou foi que, entre outras cousas, conseguiron superar os 7.000 euros que buscaron nun primeiro momento mediante unha campaña de crowdfunding. Coidar os detalles foi algo fundamental para eles, e proba disto son as cervexas artesanais que incluíron como recompensa no caso de apoiar o proxecto.

A súa estrea oficial tivo lugar en Bos Aires, e foi seleccionada para o festival de Sitges, converténdose no primeiro filme rodado en galego en facelo. Nas salas españolas non se poderá ver ata o próximo ano.