Segue a navegar

CULTURA

Xohana Torres, in memoriam

18 sep 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Partiu non sen antes, hai apenas nada, peregrinar, coas Elexías a Lola, «ata o mundo amatista das viñas» coas vides cargadas de cangallos, para botarlle a conta, vago a vago, á vida. Sabedora de que se achegaba o outono, entre ouros e cobres, o tempo de despoixa da vendima, e que… «nada se entenderá de todo/ se antes non regreso ao punto de partida». Salvador García-Bodaño foi, xunto con X.L. Méndez Ferrín, quen a propuxo para a Academia Galega. O propio Bodaño deu resposta ó seu profundo discurso de ingreso, Eu tamén navegar (RAG, A Coruña,2001). E acerta, o autor de Ao pé de cada hora, cando di: «nela viñeron confluír sangues da fecunda terra, interior e fluvial, do Ribeiro de Avia e máis aquelas outras do aberto litoral, arousá e mariñeiro do Grove». Por iso foi polo que Xohana, antes de iniciar unha nova travesía, retornou a Sibila en Rivadabia, «chambra moura,/ bendita sexa a que esmagaba os acios/ para facer o viño como se fose a luz». Sabía desas cartas de navegación Luciano Rodríguez, encargado da non doada tarefa de levar a cabo a Poesía reunida (1957-2001) . Tiña diante unha das nosas grandes voces, a que lograra encarnarse na esencia do ser, no tempo e na memoria, no mito que xorde da palabra. O profesor Rodríguez antepúxolle ó volume -ilustrado na sobrecuberta coa reprodución dun fermoso cadro de Urbano Lugrís, Paisaje con las Islas Cies, escollido pola autora- un interesante e esclarecedor traballo: As mareas poéticas de Xohana Torres. Lembro perfectamente, como editor, que custou barro e farelo convencela de que nos enviase un retrato, condición obrigada polo deseño da Colección Arte de trovar. Despois de varias conversas telefónicas -falabamos case a diario, daquela- decidiu mandar un debuxo de Segura Torella, artista que participara, como ilustrador, no grupo Teatro Estudio, no que apareceu, en 1966, a súa peza teatral, Un hotel de primeira sobre o río, dedicada «á miña aboa Dolores, en Catabóis, lonxe xa do seu tempo das viñas». Xohana Torres decide atender a nosa solicitude de recoller Do sulco (1957), Estación ao mar (1980), Tempo de ría (1992) e dez poemas non recollidos en libro no 2002, e Luciano Rodríguez, compilador -en constante consulta con Xohana-, redactor do estudo e dunha rigorosa bibliografía -de e sobre- non remata o seu labor, sen presa e sen pausa, ata febreiro de 2004. O libro sairá do prelo en setembro. Non morreu, non, quen transitou con destreza case todos os mares do verbo. Ela segue a navegar, cun ronsel inmenso.