Xohana Torres, a Fundación Rosalía e Cristina Pato, entre os premios da Cultura Galega

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

SANDRA ALONSO

As distincións teñen como obxectivo «apoiar a excelencia creativa»

29 sep 2017 . Actualizado a las 19:30 h.

Xohana Torres, Berta Álvarez Cáccamo, Mabel Rivera, Uxía Senlle, Óliver Laxe, o proxecto Apego, a Fundación Rosalía de Castro e Cristina Pato son os galardoados dos Premios da Cultura Galega deste ano, segundo fallou onte o xurado. As distincións teñen como obxectivo «apoiar a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia», segundo a Xunta. O galardón deste 2017 será unha obra de Paco Pestana.

Xohana Torres, falecida recentemente, é a premiada na modalidade de letras, mentres que en artes plásticas se destaca a traxectoria de Cáccamo. No eido de artes escénicas recompénsase outra longa carreira, neste caso, a da actriz Mabel Rivera, coñecida polo seu traballo en cine e televisión. Sólida e longa é tamén a traxectoria de Uxía, distinguida no apartado de música polos seus discos e impulso a iniciativas como festivais.

Distinguido na modalidade audiovisual, Óliver Laxe suma este premio aos acadados polos seus filmes en certames como Cannes. En lingua, sublíñase o labor desenvolvido polo programa Apego, para fomentar e mellorar a transmisión do galego na infancia, mentres que a institución galardoada no eido de patrimonio cultural é a Fundación Rosalía de Castro. Por último, a gaiteira e pianista Cristina Pato é a elixida no apartado de proxección exterior.

A entrega dos premios aos galardoados celebrarase nun acto que se desenvolverá en próximas datas.