Reflexión fotográfica sobre o territorio

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Javier Fernández Pérez de Lis investiga en «Catro ventos» a representación da paisaxe e a relación coa man humana

13 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Comecei o traballo intentando distanciarme un pouco das imaxes urbanas que estaba a tomar noutros proxectos. Apeteceume saír a facer un traballo de paisaxe e natureza máis puro». Deste xeito relata Javier Fernández Pérez de Lis (Vigo, 1979) a xénese de Catro ventos (Fabulatorio), un libro fotográfico que se asoma a Galicia dende nove dos seus cumios: Testeiro, Mustallar, Caxado, Ancares, Galiñeiro, Serra da Queixa, Vixía Herbeira, O Seixo e Pena Trevinca.

O fotógrafo entende Catro ventos como unha reflexión sobre o territorio e cómo coa presenza humana se constrúe o espazo, máis implícita que explícita nas imaxes. «A relación que as persoas temos coa natureza é unha das temáticas principais da miña práctica artística», confirma Fernández Pérez de Lis, quen advirte que mesmo nos espazos máis «salvaxes ou naturais» hai intervención humana. Como adoita suceder na súa obra, os humanos «aparecen máis por pegada e rastro que por propia presenza».

Unha das referencias para Catro ventos foi a Carta xeométrica de Fontán. Da primeira saída ao monte Galiñeiro -«hoxe queimado polos devastadores incendios de hai uns días»- xurdiu a idea de visitar os puntos máis altos do territorio. «Isto levoume á carta de Fontán, xa que para realizar a triangulación xeodésica precisaba buscar algúns destes puntos xeográficos», describe o fotógrafo. «Comecei a facer unha pequena relación coas localizacións, sendo moitas das que visitei e retratei coincidentes coas da primeira cartografía galega. Para min está presente non só esa primeira carta, senón tamén a idea coa que se constrúe unha carta», engade.

Catro ventos é un traballo que reflexiona sobre o seu obxecto e mais sobre o seu proceso. «Non se trata de chegar a un lugar, facer a foto e marchar. Hai moito máis: hai unha experiencia, unha toma de decisións e un tempo para a reflexión mentres fago os retratos», relata Fernández Pérez de Lis. A edición amosa ese resultado final, as fotografías, pero o minucioso traballo que adoita caracterizar a Fabulatorio sintoniza coas reflexións do fotógrafo, quen traballa con cámara analóxica de gran formato. A edición en papel aspira a retratar a dimensión máis física das fotografías. «As imaxes teñen corpo propio, textura e densidade. Este é un dos motivos polos que digo que se trata dunha capa máis do traballo», apunta.

Outra das capas é o texto que achega o xornalista e escritor Guillem Martínez, Sobre a mirada, outra reflexión, neste caso sobre como se transforman as olladas. «Penso que todo muda, as nosas interpretacións ímolas afinando e, por suposto, as paisaxes son vítimas destas interpretacións. Podería revisitar cada un dos puntos retratados no libro, ou cada paso que me levou a el, e moi posiblemente serían imaxes distintas, con variacións, maiores ou menores. Ao final, o que prevalece é o momento no que fago cada unha das tomas, a miña situación, a propia viaxe do día ou a experiencia desa camiñada. Sei que tal vez é difícil transmitilo nas imaxes, pero esa é unha das bases do traballo. Non son vinte fotografías, é un proxecto de moito tempo con documentación, maduración e, como digo, interpretación», di Fernández Pérez de Lis. E unha terceira e última capa sería o propio libro, con diferentes texturas de papeis e unha tipografía especial, Sastre, creación de María Ramos, e con textos en galego e inglés. Unha «beleza de produción», segundo o fotógrafo, produto dunha suma de reflexións e interpretacións.