A xeración que se comprometeu co galeguismo nos esperanzados anos previos á guerra acometeu un verdadeiro proxecto de estudo, dignificación e proxección de Galicia e a súa cultura, cunha certa especialización entre os seus compoñentes. A historia, pero especialmente a antropoloxía e a etnografía, foron os eidos nos que Antón Fraguas Fraguas traballou con máis intensidade.
Naceu en Cotobade en 1905 e sería a súa bisbarra na que iniciaría os seus primeiros estudos sistemáticos, unha vez desprazado para estudar Filosofía e Letras a Santiago, onde tamén foi admitido en 1928 no Seminario de Estudos Galegos, nas súas seccións de Xeografía, Etnografía e Folclore. O Seminario nacía dunha visión totalizadora da cultura galega, abarcando dende a historia ás letras, dende as ciencias á arte, co idioma propio como vehículo de análise e produción científica. A xeografía histórica de Galicia foi unha das áreas de traballo de Fraguas.
O golpe de Estado de 1936 e a guerra trouxeron, entre moitos outros reveses para esta xeración, o desmantelamento do Seminario. Para Fraguas en concreto, supuxo tamén a depuración do seu posto na docencia pública, polo que tivo que recorrer ao ensino privado. Tras esta readmisión formou parte do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, do que foi bibliotecario, e contribuíu, canda os demais intelectuais que sobreviviran á guerra e non se exiliaran, a marcar un rumbo na liña dos obxectivos do antigo Seminario.
A partir de aquí Fraguas encetou un activo labor institucional, que se ampliou coa súa incorporación en 1956 á Real Academia Galega -na cadeira de Castelao- cun discurso orientado pola súa orixe e a disciplina etnográfica: Coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade. Nomeado director do Museo Municipal de Santiago, a entidade acabaría por transformarse no Museo do Pobo Galego, onde sucedeu a Xaquín Lorenzo -homenaxeado no Día das Letras do 2004- á súa morte en 1989. O pasamento de Fraguas chegaría dez anos despois, en 1999.
Publicacións
Como outros especialistas das ciencias sociais, Fraguas deixou moita obra espallada en revistas científicas e outras publicacións, especialmente os cadernos das entidades das que formaba parte ou dirixiu. Aínda que tamén fixo algunha incursión na narrativa -O conto de Serafín e O santuario da Franqueira, para a colección do Castromil-, o máis abondoso e importante da súa obra é de carácter ensaístico.
A tradición oral popular, os cancioneiros e as coplas, o entroido e as tradicións vinculadas a romarías e santuarios ocuparon en boa medida a súa atención, aínda que tamén cultivou a biografía -como a de Murguía- e preparou edicións de escritores como Celso Emilio Ferreiro ou Iglesia Alvariño. Romarías e santuarios foi un dos seus libros máis difundidos, como tamén gozou de popularidade Galicia máxica e Galicia insólita, publicado este último en castelán. Do entroido e Literatura oral en Galicia son outras mostras da súa sabedoría e do seu empeño por afondar nestes aspectos da cultura galega.