J. Antonio Giao Caramés. 46 anos. A Estrada. Técnico Comercial
22 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Cando o verán comeza o seu declive, e setembro emerxe con forza para anunciar que o outono vén de camiño, na parroquia de Ponte Ulla celébrase unha das procesións máis multitudinarias de toda a xeografía galega: Nosa Señora de Gundián. Na caída da noite do sete de setembro, a vella ponte sobre o río Ulla comeza a ateigarse de fieis que, ano tras ano, acoden para acompañar a virxe ata o seu santuario uns quilómetros máis arriba.
De repente, o balbordo da xente vese interrompido por un repique de campás, e todas as miradas se dirixen cara á igrexa; ese é o punto de partida desta procesión que xa se presume máxica. Non tarda en facerse visible a maxestosa imaxe da virxe que, coma un reflexo dunha branca luz no medio da escuridade que xa nos ofrece a noite, fai que as caras dos romeiros, que xa pasan do milleiro, tornen en xestos emocionados cara á súa imaxe. E así comeza a procesión que terá como meta o santuario de Gundián, enclave natural que leva o mesmo nome, onde se asenta a ermida que lle fará de morada á virxe ata a vindeira primavera.
Con paso lento pero decidido, a cordilleira de fieis enfila polo estreito e costento camiño que, serpeando polo monte, nos conducirá ata a ermida que temos como meta, e que dista uns tres quilómetros do punto de inicio desta procesión. Centos de romeiros portan velas acesas que, coa súa tristeira e apoucada luz, alumean o sendeiro achegando, se cabe, máis maxia ao traxecto.
As campás da ermida comezan un alegre repenique anunciando que a virxe esta facendo a entrada no campo, mentres que, botando unha ollada atrás, podemos ver como da ponte de inicio aínda están saíndo os últimos asistentes a esta procesión.
O campo que alberga a romaxe está ateigado de xente. O son alegre dos gaiteiros, e o arrecendo a polbo, rosquillas e churros fai que se sinta con forza o ambiente festeiro xa de por si grandioso. Despois de cumprir coa tradición, facendo unha parada obrigatoria na fonte da santa para beber un grolo de auga que nos limpará dos nosos males, emprendemos camiño de volta ata a vella ponte de onde partimos.