Manuel Rivas volve ao relato curto con tres historias nas que «a verdade xera ficción»

Emma araújo SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

PACO RODRÍGUEZ

As páxinas de «Vivir sen permiso e outras historias de Oeste» amosan, segundo o autor, «que o poder é a principal droga»

24 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor Manuel Rivas (A Coruña, 1957) volve ás librerías con Vivir sen permiso e outras historias de Oeste, unha nova aposta polos relatos curtos, tres pequenas novelas nas que o narcotráfico -que para o autor é «o extremo do sistema capitalista»- está retratado con diferentes distancias, pero deixando en todas elas a súa consideración de que, en realidade, é unha metáfora do mundo no que vivimos e na que o escritor detecta «formas propias da mafia». Así o defendeu onte Rivas no acto de presentación en Santiago deste traballo, editado en galego por Xerais e en castelán por Alfaguara. Das tres historias que saíron do lapis do tamén xornalista, a que resulta máis coñecida para o público é Vivir sen permiso, da que o personaxe do narcotraficante Nemo Bandeira inspira a ficción televisiva co mesmo título, actualmente en emisión e en cuxo guión participou o propio Rivas, que recoñece que as series filmadas poden axudar a facer literatura da realidade. Nela, o seu protagonista, despois de acadar certa respectabilidade grazas aos cartos, afronta a evidencia de que non hai control e de que todo vai estoupar por culpa do alzhéimer.

O escritor elixiu para este traballo a distancia relativa da crónica xornalística e nela introduce a reflexión de que «o poder é o ditador dos tempos actuais».

Literatura e responsabilidade

No primeiro dos textos do Oeste que vén de publicar Manuel Rivas, O medo dos ourizos, tira do humor e da ironía como autodefensa dos seus personaxes, aos que leva ao límite. Faino cunha humanidade que non lle concede a Nemo Bandeira, e que xa se ve na imaxe da portada da edición de Xerais, a dun mariscador solitario que atopou o «obxecto máxico» do relato, un deses tesouros que os narcos deixan no mar e que non é boa idea atopar, porque é un «obxecto diabólico».

As historias de Oeste rematan nesta publicación de Rivas cunha nova realidade literaria da Galicia mariñeira, a de Sagrado mar. Recoñece o autor que a escribiu desde a «intimidade máis absoluta», dando como resultado un conto «moi duro» que o deixou «tocando fondo», e que lle serviu para facer unha aberta invitación á desobediencia como exercicio de liberdade do individuo. Desta aventura literaria conclúe o narrador que «a droga é o poder, e o poder é a principal droga».

Francisco Alonso, director de Xerais, acompañou a Manuel Rivas no acto de presentación do libro aludindo á súa condición de «mergullador do ADN desta Galicia, capaz de diseccionar a alma do país e a das persoas que o habitan» grazas «a unha prosa moi potente e directa como a de Paul Auster en Brooklyn».

O escritor e xornalista Daniel Salgado participou igualmente neste encontro na librería Numax para falar da que é a última viaxe libresca de Rivas, e deixou no aire a idea de que «é posible vivir sen permiso». Destacou da prosa poética do protagonista a súa defensa da literatura como ferramenta social, porque «ten responsabilidade», e incidiu en que a elección do narcotráfico como fío das tres historias evidencia que «a verdade xera ficción».