Darío Villanueva: «Entre os académicos non hai diferenzas ou enfrontamentos ideolóxicos ou políticos»
CULTURA

O teórico e crítico literario leva dende o 2014 vencellado á RAE
11 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Darío Villanueva (Vilalba, 1950) despídese da dirección da RAE «moi satisfeito» despois de nove anos «en primeira fila», como secretario primeiro e logo como director. No seu balance coloca por un lado unha crise que foron catro á vez -«un descenso do 60 % da contribución do Estado, un 60 % na venda das nosas obras, un 60 % da achega da Fundación pro-RAE e a retirada de importantes patrocinios privados»- e por outro a incorporación de novos patrocinios, manter a Academia libre de débedas, sacar partido de recursos dixitais como a plataforma Enclave ou os sesenta millóns de consultas mensuais que recibe a versión en liña do Dicionario. O director saínte cita un novo logro que xa non verá no cargo, a vixésimo cuarta edición do Dicionario, que xa nacerá como dixital.
-García de la Concha dicía que mellor falar de distintas sensibilidades que de división. Como influirán nesta votación?
-Na Real Academia Española non hai en modo ningún diferenzas e enfrontamos de fundamento político ou ideolóxico. Por suposto, cada académico ten as súas ideas, pero aquí esa dimensión non conta. O que si é evidente é que á hora de elixir director uns preferirán a un e outros preferirán a outro. Eu tiven unha sorte enorme hai catro anos, cando me elixiron en primeira volta por 28 votos. Houbo só cinco votos de 33 que non me votaron a min. Iso foi algo en certo modo excepcional. Agora, presumiblemente, non vai suceder así. Entón haberá quen opte por un candidato ou outro e, se o xoves que vén non hai ningún que leve maioría absoluta, segundo os nosos estatutos só haberá unha votación ese día, e pasaríase á semana seguinte, na que concorrerán os tres con máis votos. Entón si que poderá haber dúas votacións, unha primeira na que será necesaria maioría absoluta e unha na que xa chegará coa maioría simple.
-Que perfil cre que debería ter quen acceda á dirección para afrontar os novos retos da RAE?
-O outro día, en Santiago, houbo un acto no Ateneo, no que intervimos conxuntamente o presidente da Academia Galega, Víctor Freixanes, bo amigo, e mais eu. A nosa presentadora, cando me presentou, dixo que eu era o primeiro galego que dirixía a Academia española. Eu tiven que puntualizar: non son o primeiro galego, senón que o primeiro foi, nin máis nin menos, Ramón Menéndez Pidal. Co gallo deste recordo, comentaba que a figura do director da Academia, sen que eu queira compararme para nada con don Ramón, suponse que é unha persoa de prestixio e actividade intelectual, e logo tamén ten que ser alguén con capacidade de relación institucional e incluso tamén diplomática. Pero agora hai un compoñente que quizais na época de don Ramón non contaba tanto, que é o aspecto de xestión e de captación de recursos. A Academia ten 80 traballadores. Soster isto é como traballar nunha pequena ou mediana empresa.
-Que motivos ten para non asumir unha posible reelección e a que pensa dedicarse a partir de agora?
-En primeiro lugar, esta decisión non a tomei por un calentón. Foi hai dous anos, nun verán en Baiona, cando fixen unha especie de acto de reflexión, e sumei os cinco anos que levara de secretario cos catro de director e deime conta de que, dos dez anos que levaba na Academia, nove estiven na primeira fila. Eu cumprín e, polo tanto, agora o que quero é recuperar a miña condición de académico sen responsabilidades, igual que aínda son profesor universitario, xa que non deixei nunca de dar clase. Quédanme aínda dous anos para xubilarme e penso solicitar no seu día a condición de emérito na universidade, a de Santiago, á que lle debo tanto. E logo teño varios libros parados con contrato, que non estou cumprindo e que teño que facer. Para o ano que vén teño xa oito compromisos fóra de España, entre eles, a Universidade de Oxford. Entón quero recuperar esa marxe de tempo para min coa sensación de que cumprín. Eu coa Academia estou cumprido.