Antioquía

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

As lendas das cidades asolagadas aparecen en Galicia con bastante regularidade. A de Cospeito na Terra Chá, a de Antela na Limia ou a de Dugium en Fisterra son quizais as que se acompañan das máis coñecidas historias de cidades somerxidas baixo as augas, fundamentalmente por castigo divino. Lendas comúns existentes en toda a área celtoatlántica, e particularmente na Bretaña, onde a da cidade de Ker-Is, gobernada polo mítico rei Gradlón, é a máis popular.

Lembro de entre aqueles contos nocturnos da miña tía avoa Remedios, á caloriña da cociña de ferro na aldea, un que relataba con certa frecuencia e que falaba da cidade asolagada de Antioquía, que polo visto quedou baixo as augas da xa, por desgraza, desecada lagoa de Antela, na Limia.

Narraba nesa historia que Deus castigara a lendaria cidade anegándoa baixo as augas por lle render idolatría ao galo e pola falta de caridade e bondade das súas xentes; mais antes do castigo final Xesús pediulle a Deus unha última oportunidade para salvar aos máis xustos, e el mesmo baixou como esmoleiro pedindo casa por casa, e comprobando en persoa que ninguén o axudaba, agás unha velliña que vivía nunha humilde choupana onde lle deu de cear do pouco que tiña e tamén cama para o seu descanso. Ao amencer do día seguinte a cidade estaba asolagada e no lugar de Antioquía xa estaba a lagoa. A única supervivente foi aquela muller que atendeu ao Xesús esmoleiro.

Hai diversas variantes desta lenda e incluso outras historias relacionadas, pero case todas coinciden en que en datas sinaladas como na noite de San Xoán e no Nadal, arredor da medianoite, aínda se poden escoitar os sons das campás da antiga cidade e do canto dos galos.

Tamén se mesturaba no conto o rei Artur, e dicía que el e mailos soldados do seu exército quedaran encantados en forma de insectos, e nos solpores do verán as súas alas brillaban coma se fosen armas. Quen sabe se as propias pantallas do entroido limiao e o estrondo que fan co batemento das vexigas inchadas son algún ritual relacionado coas antigas historias da lagoa.