Diana Toucedo estrea este venres «Trinta lumes», unha aproximación ao despoboamento e o esquecemento, ambientada na serra luguesa, a través dos ollos dunha cativa de 13 anos
07 feb 2019 . Actualizado a las 10:16 h.«Ás veces, o que nos rodea de forma invisible é máis poderoso que o visible». Esta frase de Diana Toucedo (Redondela, 1982) resume o espírito que paira sobre Trinta lumes, a longametraxe da cineasta que este venres chega ás salas galegas, logo do seu paso por varios festivais, entre eles a última edición da Berlinale. Rodada no Courel, a cinta esculca alén da ollada visible para revelar, a través da mirada dunha cativa de 13 anos, Alba, outro mundo, que adopta dúas formas: a física, o despoboamento, e a incorpórea, o esquecemento.
«Nesta película quixen pescudar nesa gran capacidade nosa para sentir aquilo que non captamos pola mirada, pero si a través dos demais sentidos», explica Toucedo, quen pon como exemplo o mundo natural como unha presenza rica neses estímulos que activan a memoria. Alba -Arias- e o seu amigo Samuel -Vilariño- son os protagonistas dunha produción que tamén se pregunta polos límites formais do documental. Sobre a premisa do que podería parecer unha historia de misterio, Trinta lumes tamén propón un achegamento a esa serra do Courel e á cultura secular que desenvolveron os humanos que a habitaron, e da que hoxe fican testemuños: casas deshabitadas, tradicións, relatos.
Co gallo da estrea do filme, Toucedo e o equipo da película prepararon unha serie de pases especiais en catro cidades galegas. En Lugo, este venres día 8 a directora manterá un coloquio nos cines Códex (20.00 e 22.15 horas), acompañada por Alba Arias, Orlando Gregorio Álvarez, Bela Rubinos e Uxío Novoneyra Rey.
En Santiago, o venres está confirmado un pase en Númax (18.10 horas) con Toucedo e Jorge Coira, mentres que o sábado 9 haberá outros dous, ás 15.45, coa cineasta e Alba Arias, ademais de Margarita Ledo, e ás 19.45, ao que se sumarán Uxío e Branca Novoneyra. O domingo día 10 celebrarse un encontro con Toucedo (11.30) e un coloquio posterior á proxección das 17.50, no que tamén participará Sergio Moure, autor da música de Trinta lumes.
Na Coruña, será precisamente o compositor o que presentará o filme nos Cantones (22.00 horas) o venres, co poeta Vicente Reboleiro, que tamén participará noutro pase ao día seguinte (22.00 horas).
En Vigo, os pases serán nos Multicines Norte: o venres (20.00 horas) presentará o filme Ángel Santos, director do festival Novos Cinemas, mentres que o sábado (20.00 horas) esta tarefa correrá a cargo de Carme Adán. Pecha esta quenda de presentacións José M. López, fundador da revista Tren de sombras, o domingo día 10 (20.00 horas).
Para a directora, O Courel é máis que o escenario de Trinta lumes. Toucedo bota man da visión que tiña da serra Uxío Novoneyra, que se refería a un iceberg, algo co que coincide a cineasta, que ve neste lugar «un sitio cun mundo máis oculto ca visible». Ese reto de revelar o que se agocha, ademais da loita por permanecer, foi o propósito que levou á autora a concibir o filme como unha reivindicación do poder dos sentidos.