Unha antoloxía leva ao italiano a obra de cincuenta autores galegos

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Gemma Álvarez Maneiro e Giovanni Borriero, na presentación do seu libro en Santiago
Gemma Álvarez Maneiro e Giovanni Borriero, na presentación do seu libro en Santiago

A edición bilingüe abrangue dende Afonso X e os trobadores ata Lois Pereiro

06 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

La letteratura galega. Autori e testi é o título dunha antoloxía de que vén de publicar en Italia o selo Carocci editore na súa serie Finisterrae, froito da colaboración de tres universidades (Padua, Roma e Perugia) co apoio económico da Xunta. A escolma, ao coidado de Gemma Álvarez Maneiro e Giovanni Borriero, con prólogo de Xesús Alonso Montero, reúne as biografías e unha selección de textos de cincuenta autores, dispostos en orde cronolóxica, arrancando con Afonso X e os trobadores, ata concluír con Lois Pereiro. A súa lectura permite «coñecer dende os inicios até a actualidade o galego a través das diversas perspectivas: histórica, social e lingüística», explica Álvarez Maneiro.

As cincuenta figuras escolmadas foron no seu día homenaxeadas co Día das Letras Galegas. «Adoptamos a listaxe como lenzo de soporte dun retrato fiel e rigoroso da literatura, historia e sociolingüística da lingua de noso», di Álvarez Maneiro, quen cre que a efeméride ofrece unha boa guía a «figuras vitais». A antoloxía concede importancia ao contexto e a mensaxe do autor e a familia lingüística tamén se nota. «A proximidade das dúas linguas fillas do latín facilitou o fluír da tradición. O feito de botarmos man da etimoloxía latina foi vital», aclara a profesora. Aínda así, foi necesario incluír un glosario: «Vocábulos como aldea, cacique, dorna, ferrado, orballo ou saudade non aceptan tradución, xa que de a facermos perderiamos calidade na tradución».

Esa proximidade ten a súa correlación na presenza dos estudos galegos en Padua. «Partimos duns fortes piares -confirma Álvarez Maneiro-. Dado que o interese dende Italia coas nosas letras parte da literatura medieval galego-portuguesa e tendo en conta que Padova é berce europeo do estudo medievalista o vencello está feito; certo é que esta calzada romana viuse ampliada a figuras máis recentes pasando por todas as fases histórico-literarias do galego. O curso de Lingua e Letteratura Galega, xunto co Lettorato, abrangue todos os períodos literarios».

Un exemplo desa relación é Giovanni Borriero, quen coñeceu as letras galegas a través da lírica medieval cando estudaba Románicas en Padua. Tralo doutoramento asistiu aos cursos para estranxeiros en Santiago e foi ampliando a súa relación co galego ata dirixir o Centri di Studi Galeghi de Padua. Entre os seus ensaios figura a literatura medieval pero tamén figuras contemporáneas como Celso Emilio.

Do proceso de tradución da antoloxía, Borriero destaca Gándara, de Bouza Brey -«unha das poesías máis fermosas e complicadas de xirar ao italiano»-, Lanza de Soledá, de Iglesia Alvariño e mais «a forza expresiva de Novoneyra». Ao profesor italiano, alén da lírica medieval -«que amo moito»-, interésanlle Blanco Amor, Risco -«o novelista, non o ideólogo»- e Castelao. Este último é fío condutor da antoloxía. «É un autor ‘universal’, no momento que fala da humanidade e non só do ‘tipo’ galego. O mesmo discurso é válido, na miña opinión, para A esmorga. O intento de Castelao é situar o galego nunha dimensión europea (así tamén Carvalho Calero na súa importantísima historia da literatura», sostén Borriero.

Precisamente a internacionalización do galego é un asunto «crucial» para o especialista italiano no contexto sociolingüístico da lingua e a preocupación polo descenso de falantes; «un problema fondamente complexo», admite. «Penso que concienciación das orixes e da lingua son construídas sobre todo a nivel político. Por voltas a impresión é que prende forza o feito de que o galego fale demasiado do galego, é dicir, un exercicio de autolimitación», reflexiona. De cara a fóra, Borriero cre que «o primeiro traballo que cómpre levar a cabo é a edición de todos os ‘clásicos’. De relevancia son tamén as traducións. En Italia existen contadas de Rosalía e Castelao, practicamente nada de Pondal e Curros».

Porén, no contexto dunha Unión Europea apoiada máis en criterios económicos que culturais, as linguas minorizadas deben mirar non só para fóra, senón para si. «Deben protexer a identidade de seu, non a través da lexitimación exterior, senón procurando nelas mesmas a propia forza creadora, no estudo do pasado a razón de seren».