Camposantos

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

16 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Pareceravos estraño ou excéntrico, pero cada vez que viaxo a calquera lugar do mundo unha das miñas visitas obrigadas é aos camposantos. Neles atoparemos gran diversidade de estilos arquitectónicos, onomásticas, decoracións, tipos de cruces, formas simbólica ou diferentes tratamentos que dan aos seus defuntos; en definitiva, son unha grande fonte de información útil para interpretar moitas outras cousas.

Tiven a sorte de coñecer moitos lugares de todo o mundo e, polo que dicía, tamén moitos camposantos. Por citar algúns, destacaría o Green-Wood Cemetery de Manhattan, en Nova York, fundado no ano 1838 como camposanto rural, e que contén na actualidade arredor de 600.000 tumbas, 7.000 árbores e varios estanques, conformando un atractivo lugar para os milleiros de visitantes que pasan por alí cada ano.

Outro dos que visitei e do que quedei sorprendido foi o da Recoleta en Bos Aires, inaugurado no 1822 e declarado Museo Histórico Nacional da Arxentina dende 1946. É unha auténtica cidade de mortos chea de arte e historia, que abraia pola súa grandeza, e onde vin por primeira vez epitafios escritos en galego.

E o que me priva absolutamente é a necrópole de Glasgow, en Escocia, cuxo primeiro soterramento foi no 1832, aínda que fose aberta oficialmente a partir de 1833. É un cemiterio inzado de simboloxía moi similar á que podemos atopar en Galicia: cruces solares, célticas, etcétera. Situado nunha pequeno outeiro preto da catedral, ten máis de 50.000 persoas soterradas e arredor de 3.500 monumentos.

En Galicia temos auténticas marabillas aínda bastante ben conservadas, pese ás moitas desfeitas que se fixeron. A mestría dos canteiros quedou reflectida tamén nos nosos antigos camposantos, entre os que destaco os da Terra Chá, atribuídos en boa parte á dinastía de canteiros dos Carboeiras de Román, Vilalba; o cemiterio vello de Mondoñedo, onde xacen persoeiros como Álvaro Cunqueiro ou Pascual Veiga; e o histórico de Santo Amaro, na Coruña, cuxa visita é moi recomendable, sobre todo cando Suso Martínez fai de guía.