Os cineastas que axitan o panorama creativo

Antonio Méndez / X. F. LA VOZ

CULTURA

O Novo Cinema Galego consolídase como un dos eixes e valores culturais grazas a un ano cheo de éxitos e á procura dunha mirada singular, malia as eivas que aínda están por superar

25 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante unha escena do filme Os días afogados, unha anciá intenta expresar con palabras a situación da súa cuñada, convencida en manter o seu bar aberto porque llo prometera ao marido recentemente finado, a pesar de que a aldea está a piques de desaparecer. Cando por fin atopa as verbas, pronuncia cun ton melancólico e unha ollada tristeira dirixida cara ó chan: «Bueno... o amor fai todo...», ao que a súa irmá política contesta: «Claro!».

Un amor natural, comprometido e franco. Unha querenza que combate e salva calquera atranco, semellante á que profesan cara á creación e cara á súa terra un conxunto de cineastas contemporáneos galegos, inseridos nun marco global coñecido como o Novo Cinema Galego.

No 2010, algúns dos seus representantes iniciaron un camiño caracterizado pola autoprodución, pola experimentación e por unha mirada singular e persoal. Esta circunstancia resultou posible, en gran parte, grazas ás bolsas destinadas á creación, concedidas pola Axencia Audiovisual Galega, actualmente extinta, e continuadas pola Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic).

Agora, tras case unha década, cineastas como Oliver Laxe ou Eloy Enciso coinciden en que o cinema galego se atopa nunha etapa de «maduración» ou «consolidación».

2019, ano de éxitos

Dita conxuntura é posible, en parte, grazas ás producións realizadas e aos premios acadados durante o 2019. En maio, O que arde de Laxe recibiu o Premio do Xurado no acreditado festival de Cannes, ademais de ser o primeiro filme galego proxectado na sección oficial deste encontro cinematográfico. Durante o festival de cine de San Sebastián en setembro, a mesma película poderá verse na sección Perlas, compartindo cartel con producións galardoadas en Cannes e Berlín.

Pola súa parte, o cineasta lucense Eloy Enciso tamén estendeu os lindeiros do cinema galego: Longa noite, o seu último filme, estará presente na sección oficial do festival suízo de Locarno, circunstancia ata o momento descoñecida para unha produción galega. Á pregunta de por que triunfa este cine, Laxe amósase rotundo: «Porque é feito con amor, traballo e consciencia».

A esta lista hai que sumarlle o traballo doutros creadores que neste 2019 engrosaron a historia do noso audiovisual. É o caso de Diana Toucedo coa estrea de Trinta Lumes ou de Eloy Domínguez Serén e a súa orixinal Hamada.

Do local ao universal

O talento, o aprecio ao oficio, a constancia e a valentía son trazos característicos destes creadores. Con todo, existe un risco que erixe ao seu cine a unha cúspide superior: «O retrato ou a representación do local que o converte en universal. Perseguir a multiculturalidade en vez da transculturalidade», en verbas de Enciso.

«Ollamos atentamente á tradición e ao pasado, así como á historia e aos mestres do cinema. Tamén existe unha mirada cara ao que se está a facer hoxe en día, é dicir, un diálogo con autores contemporáneos», explica Laxe.

Neste senso, o Novo Cinema Galego recorda a dúas correntes da cultura galega que renovaron e innovaron nos seus respectivos eidos, partindo do local acadando o global, cunha ollada nos movementos artísticos do seu tempo: a Xeración Nós, sobre todo na literatura, e a Os Novos, nas artes plásticas. «O global está na esencia, cando se afonda nela chégase ao universal». Con esta frase de Oliver Laxe pódense vencellar, polo miúdo, estas tres xeracións de artistas galegos.

En conxunto, todas estas características conflúen no que Laxe define como «cine con alma», que está afastado, segundo el, das creacións «desalmadas», que só alimentan a «distracción» e non fomentan, desde un punto de vista cultural, a «reinversión na sociedade».

Filmika Galaika

Un camiño de pedras

A pesar dos éxitos, o pano de fondo deste cinema non é un camiño de rosas. A responsable da produtora Filmika Galaika, Beli Martínez, amósase tallante ao respecto: «Facer unha película resulta un esforzo inxente e de titáns, mal remunerado e pódese dicir que case milagroso». Nesta liña, Martínez considera necesario, ao igual que Laxe e Enciso, un aumento dos orzamentos e das axudas ao audiovisual galego por parte das institucións públicas.

Ademais, a produtora estima que sería oportuno un apoio por parte da Televisión de Galicia para que este cinema atope unha vía de acceso a tódolos galegos: «Ten que implicarse e saber cal é o seu papel, o de difundir este tipo de producións».

Outras eivas que presenta o sector son a distribución e a exhibición, segundo o último informe acerca do panorama audiovisual publicado polo Consello da Cultura Galega. O responsable da sección de cine de Numax, Ramiro Ledo, sostén que «é unha maneira de exhibición moi dependente de voluntarismos, na que non existe ningún tipo de estrutura a nivel administrativo». «Resulta complexo porque non hai tradición de cine independente. Ademais, require dunha tecnoloxía e dunhas técnicas custosas», asegura Ledo.

Todos os aneis da cadea do audiovisual galego, desde a creación, a produción, a distribución e a exhibición, salientan a solidaridade, a afinidade, a harmonía nos obxectivos e na visión sobre o cinema, así como a paixón pola defensa das películas locais. Agora semella o momento propicio para que a sociedade galega, no seu conxunto, reivindique un cine de seu, que, se continúa nesta liña, pode chegar a ser un dos motores culturais de Galicia no futuro.