Óliver Laxe levará o seu novo filme, «O que arde», ao Festival de Cannes

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Oliver Laxe participa con «O que arde» na sección «Unha certa mirada» do Festival de Cannes
Oliver Laxe participa con «O que arde» na sección «Unha certa mirada» do Festival de Cannes Santi M. Amil

O director galego suma a súa terceira participación no certame francés, onde xa foi premiado dúas veces

24 jul 2019 . Actualizado a las 17:56 h.

«Cannes vai falar galego, e ademais con acento de Lugo», ri Óliver Laxe. O que arde, a súa terceira longametraxe, rodada nos Ancares, será a primeira película en versión orixinal galega a concurso no certame francés. É, ademais, a terceira participación do director galego en Cannes, que seleccionara e premiara os seus dous traballos anteriores, Todos vós sodes capitáns e Mimosas.

Son motivos dabondo para que Laxe estea contento. E hai que sumarlles a «lexitimación» artística que supón a inclusión de O que arde na sección Unha certa mirada (Un certain regard) e cuestións tan pragmáticas como que o premio da Semana da Crítica facilitou o orzamento da nova cinta, apoiada ata nun 70 % por financiamento europeo. «Estamos no mellor escenario para o cinema no mundo», explica Laxe dende París, onde naceu en 1982 no seu dunha familia emigrante.

Oliver Laxe define aos protagonistas do seu filme como «dous resistentes» que siguen vivindo nunha aldea dos Ancares
Oliver Laxe define aos protagonistas do seu filme como «dous resistentes» que siguen vivindo nunha aldea dos Ancares

Ese escenario estará pendente da historia de Amador e Benedicta, «dous resistentes», como os cualifica Laxe, «superviventes dun mundo que se cae a anacos», que non é outro que a cultura campesiña crepuscular. Amador regresa á súa aldea na montaña despois de cumprir unha condena por incendio, onde vive coa súa nai, a cadela Luna e mais tres vacas. Non é tanto unha película co foco posto nos incendios e os pirómanos, senón nese «ritmo milenario» no que seguen a vivir nai e fillo. Unha relación de «dozura» que se beneficia en pantalla do traballo da parella de actores ?Amador Arias e Benedicta Sánchez? cuxo traballo Laxe non cansa de gabar.

Poesía e política

O director sostén que a súa película «non é política, é poética, pero sendo poética é máis política». Unha historia «pertinente», xa que os lumes e o que Laxe denomina «o holocausto do rural» están a propiciar un xeito de «rabia colectiva» arredor destas cuestións. «O meu cometido como artista é estilizar esa rabia, depurala, ir máis alá», reflexiona.

Este escenario galego fai que o cineasta estea dobremente contento de que se poida ver en Cannes, xa que os seus devanceiros son orixinarios dos Ancares e el mesmo di, entre sorrisos, que a súa «sensibilidade é moi da montaña, bruta, dionisíaca». Laxe é consciente de que desta vez non xogaba a favor o exotismo que algúns poderían ver en Todos vós sodes capitáns e Mimosas, rodadas en Marrocos, mentres que un entorno rural europeo soaría a visto a moitos. O director tampouco quería caer en «costumismos ou lugares comúns». Aínda así, houbo xente que lle preguntaba se o que se vía en O que arde eran os Balcáns ou o Cáucaso, dúbidas que poñían de relevo o descoñecemento sobre o verdadeiro emprazamento do filme. Outra vantaxe é que, independentemente do lugar, a historia que se narra é universal, coma se Abbas Kiarostami cambiase o Irán de A través das oliveiras por castiñeiros do Courel, ou as circunstancias dos campesiños franceses que relatou John Berger en Porca terra tamén son as dos seus homólogos galegos. «Esa sensibilidade humana, esa xeometría das almas, é igual en todas partes», conclúe o director.

O Festival de Cannes celebrarase entre os días 14 e 25 de maio. A película de Óliver Laxe poderá verse nos cines españois a finais deste ano, distribuída por Numax.