
Bernardino Graña presentou este venres, no día do seu 87.º aniversario, o libro «Lobísimo do saco», que reúne tres pezas dramáticas dirixidas especialmente ao máis pequenos
28 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.«Si e non. Lede e xa decidiredes», di Bernardino Graña (1932) cando se lle pregunta se Lobísimo do saco. Tres titiritadas é un libro de teatro infantil. E non pode estar máis atinado, como corrobora o crítico Ramón Nicolás, editor do volume que preparou para o selo Galaxia e que se presentou este venres en Vigo. Nun breve limiar o poeta cangués recoñece que en Sinfarainín contra don Perfeuto arremete veladamente contra Franco [don Perfeuto] e o seu réxime ditatorial, e toca tamén a emigración; en Os burros que comen ouro (nunca cabalos serán) ataca ao poder do diñeiro e a falsidade da xustiza; e en Lobísimo do saco o asunto é «o si á democracia». No caso da primeira obra, Sinfarainín, remóntase a comezos dos 70, contemporánea de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, de Casares.
Gardan estas pezas de Graña varias lecturas, incide Víctor F. Freixanes -presidente da Real Academia Galega e que participou no encontro da Casa del Libro viguesa-, que fala da riqueza de elementos que conflúen na escrita do autor. Hai nestes textos unha especie de parábola en xogo -«algo moi habitual en Bernardino»- que se move «no ámbito social, pero tamén no moral e no político». E logo, di, Graña posúe un rexistro moi eficaz para recuperar a tradición dos contos populares sen facer mimese, recreándoos e incluso inventando novos personaxes -como ocorre co de Xan Guindán-. «Constrúe mundos novos a partir da súa propia memoria de neno en Cangas», enxalza Freixanes.
Tamén no libro das Tres titiritadas, Graña, subliña Freixanes, «amosa unha sensibilidade especial para a literatura dos máis pequenos, para incorporar lectores novos». Nestas pezas teatrais, anota o presidente da Academia, o autor exhibe ademais un uso moi auténtico da lingua do Morrazo, que, incluso pasada por unha peneira máis intelectual, «non perde frescura».
A cultura galega débelle a Graña un recoñecemento de xustiza nos seus 87 años -que cumpriu onte-, non só como o escritor para nenos de Sinfarainín, recalca Freixanes, senón como o poeta exquisito que é. E lembra aqueles versos «tan cheos de emoción» de ¿Como hei vivir mañá sen a luz túa? que musicou Suso Vaamonde. Ou tamén, engade, o poemario Profecía do mar, «un libro moi intenso».
Cos seus 87 anos, interno nunha residencia de maiores de Panxón, e moi minguado nas condicións físicas polo ictus que padeceu, Graña mantén ese espírito enérxico.