Picasso

CULTURA

12 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Un fraco favor lle fixeron a Picasso coa serie televisiva Genius, de dez capítulos, que reduciu a vida do gran pintor español a un pastiche de sexo e pintura. Volvín vela de novo e non acabo de entender a razón de tanto empequenecemento. Porque a vida privada de Picasso non aparece máis que coma unha sucesión de aventuras amorosas -reais, certo- que non sabemos ben o que tratan de explicarnos sobre o grande creador. O mero propósito de achegarnos a el non xustifica nin aclara as súas conviccións políticas. O director da serie, o estadounidense Kenneth Biller, convertiu os dez capítulos de Genius nunha reiteración de vivencias destinadas a apontoar unha suposta biografía de Picasso, a quen interpreta con acerto Antonio Banderas. Pero a estreiteza do ángulo vital, imposto polos facedores da serie, non permite saír do espazo pictórico-sexual.

A referencia á etapa coruñesa de Picasso é breve e insuficiente, aínda que se explicita algo na referencia ós seus comezos vitais e pictóricos e seica foi determinante á hora de escoller a pomba (unha pomba coruñesa) como símbolo da paz. E neste punto coido que é oportuno relembrar, unha vez máis, que todas as cidades nas que viviu Picasso teñen un museo con obras do pintor. A única que non logrou (ou malogrou) esta oportunidade é A Coruña, que, na miña galega opinión, debería recuperar canto antes o proxecto de hai uns poucos anos, porque estaba ben encamiñado e tiña posibilidades de éxito. (Picasso viviu na Coruña entre os 9 e os 13 anos, é dicir, entre 1891 e 1895, e aquí fixo a primeira exposición, que definiu precozmente o seu destino de gran pintor)

O xornalista galego Antonio D. Olano, que pasou moitas horas con Picasso, sostía que o pintor tiña lembranzas moi vivas da Coruña e que só lle impedira volver a esta cidade a duración do réxime franquista. «Con Franco non poido volver -dicía-. Aínda que el no mandase determe, no mundo ninguén entendería a miña presenza baixo o seu réxime». Disto non hai nada en Genius, quizais porque os seus creadores non o souberon. Pero Galicia debera facer por recuperar o seu. Porque Picasso fíxose pintor na Coruña, onde tivo o seu primeiro amorío e onde foi enterrada a súa irmá Conchita.