A Real Academia Galega ofrece 200 publicacións propias en descarga gratuíta

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

Un novo espazo virtual pon a libre disposición mais da metade das monografías editadas dende o ano 1906

15 oct 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Do catálogo de 350 monografías publicadas pola Real Academia Galega, 200 delas xa están a disposición gratuíta para todo aquel que esté interesado nelas. Poderase facer a través dun novo espazo web da institución presentado onte. Este foi concibido para facilitar non só a consulta aos usuarios, senón tamén o acceso directo a un importante número de títulos. Trátase dun amplo elenco de obras editadas desde 1906, que agora están dispoñibles en PDF de descarga gratuíta na citada páxina de Internet.

«Con esta nova web, a Real Academia Galega avanza no compromiso coa promoción do acceso universal ao seu patrimonio aproveitando as tecnoloxías da información e da comunicación», salientou na presentación do proxecto o presidente da RAG Víctor F. Freixanes. Tamén adiantou que agardan poder aumentar o catálogo de obras dispoñibles nas próximas datas para que todos os interesados as poidan descargar.

O secretario da RAG Henrique Monteagudo destacou, na rolda de prensa ,as vantaxes desta nova plataforma elixida para o proxecto e deseñada no marco do Public Knowlegde Project. Fornece de ferramentas de software libre para a publicación académica a universidades e centros de investigación de todo o mundo. «A nova web permite xestionar dende un único espazo tanto os envíos e as revisións dos textos antes da publicación, como a catalogación e a produción de PDF», explicou.

 Documentos históricos

A nova web da RAG, ofrece, entre outras moitas monografías, os discursos de ingreso da Real Academia Galega de figuras clave da literatura galega como Alfonso Rodríguez Castelao, Antón Villar Ponte, Ramón Otero Pedrayo ou Álvaro Cunqueiro. Ademais tamén recolle os volumes da colección sobre toponimia Terra Nomeada, as actas das Xornadas de Onomástica Galega dedicadas aos alcumes, a microtoponimia e os nomes propios ou as antoloxías sobre as Irmandades da Fala.

A nova web súmase á das publicacións periódicas da RAG. A través de este espazo se dá acceso aos 379 números do Boletín editados dende 1906, a Cadernos de lingua e La Tribuna, a revista de estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán.