Unha montaxe teatral viaxa por primeira vez á infancia de Rosalía de Castro
CULTURA

Nate Borrajo, Fina Calleja, Cristina Collazo e Rocío González crearon unha obra dirixida a un público infantil
26 feb 2020 . Actualizado a las 17:08 h.A figura de Rosalía de Castro ten sido obxecto de numerosos proxectos creativos. A vida, o legado e a obra da escritora máis senlleira da historia da literatura galega levan sido materia creativa en todas as artes e sectores culturais dende hai décadas. E cando semellaba que todo formaba parte do xa coñecido un proxecto pousa a súa mirada na nena Rosalía para achegala ao público infantil en formato teatral.
Rosalía é unha produción de Culturactiva que camiña cara á súa estrea -a conta atrás xa encetou- e que está liderada por un equipo feminino con nomes coñecidos. Dúas das implicadas están vencelladas a un dos grupos históricos de Galicia, Sarabela, e as protagonistas son dúas actrices -como as primeiras- que levan desenvolvido unha ampla traxectoria no teatro, o cine e a televisión. Nate Borrajo é a autora do texto, e a dirección corre por conta de Fina Calleja; Cristina Collazo -encarna a esta Rosalía de nove anos- e Rocío González -desenvolve dous papeis distintos, o da amiga e o da coidadora- son as protagonistas.
Rosalía céntrase nunha etapa que marcará a vida da escritora, cando de nena ten que deixar a aldea para marchar a Compostela. É «un cambio difícil para unha nena afeita a vivir poñendo a xogar as palabras e inventando mundos e ditos». A cativa está preparada para marchar e a equipaxe, xa está pronta... mais ela non está convencida da decisión. Nesa incerteza comeza a que será «a primeira obra de teatro que ten como protagonista a infancia da principal poeta galega», incide a produtora.

A nova proposta escénica ten como obxectivo rescatar para o público máis novo a infancia da escritora, «explicando o seu carácter como unha nena creativa, inconformista, lectora, activa e rebelde coas cousas que considera que non son xustas».
A montaxe dirixida aos pequenos espectadores centrará a súa ollada na poesía, na música e na creatividade da pequena Rosalía, quen co tempo será unha das grandes escritoras universais, para que a peza consiga achegar aos cativos á biografía da creadora sen deixar o carácter infantil.
Estrea por concretar
Aínda que hai data de estrea, está por confirmar o espazo. «Será o 22 de febreiro, e seguramente haberá algunha preestrea. O lugar anunciarase en datas próximas», sinalan dende a produtora.