Se cadra cada vez hai menos quixotes na nosa realidade social e tamén na literaria. Quizais o noso mundo está a empequenecerse e xa non caben nel personaxes coma o de Cervantes. O escritor aragonés Ramón J. Sender, que combateu na Guerra Civil ás ordes do galego Enrique Líster -que o tivo primeiro coma un mando no Quinto Rexemento e logo afastouno por causas non clarexadas- foi un dos escritores máis interesantes e vitalistas do século XX español, autor dunhas obras literarias cheas de vigor e de calidade. El falou sempre moi ben de Cervantes e deixounos unhas novelas moi notables que non perderon actualidade… Pero que nada teñen que ver co Quixote!
Tivo que ser un ruso, o grande Fiodor Dostoievski -mestre de Freud e de Kafka- quen afirmou con rotundidade que o Don Quixote da Mancha «é o libro máis triste que escribiu a humanidade, aínda que aparentemente non haxa nel máis que motivos para rir». Dostoievski foi quizais o escritor máis fascinado e deslumbrado pola magna obra de Miguel de Cervantes. E o propio Tolstói intentou desafialo desde obras coma Resurrección, pero sen éxito. Entre os hoxe vivos, quizais é Mario Vargas Llosa o que lle ten feito maiores recoñecementos a Tolstói, porque a Cervantes xa non é posible discutirlle nada.
Cervantes e Shakespeare non morreron o mesmo día de 1616 (como se ten dito), pero case, isto é, finaron con pouco tempo de diferenza. Os dous puxéronlle o ramo a toda a literatura precedente e alumearon un tempo novo. Por isto sempre ten sentido recordalos e escribir sobre eles, veña ou non veña a conto.
Esta é unha realidade que certificou o grande facedor de películas Orson Welles, moi admirador dos dous. Por mala sorte, non puido terminar o seu filme sobre o Quixote que con tanta ilusión foi rodando en España. Unha montaxe moi discutible foi estreada en Sevilla con motivo da Exposición Universal de 1992. Por desgraza alí non estaba o traballo final de Welles, que, con seguridade, aspiraba a estar á altura da homenaxe que xa lle fixera a Shakespeare en Badaladas a medianoite. Cousas que pasan cun Quixote imbatible.