Os viquingos son un conxunto de pobos nórdicos procedentes de Escandinavia. Dende alí expandiron a súa cultura, costumes e particular xeito de actuar a moitos lugares de Europa, principalmente a costeira.
As incursións viquingas en Galicia (Jakobsland) foron recorrentes e non precisamente amigables. Diferentes escritos din que a primeira vez que arribaron ás costas galegas foi no ano 844 empurrados por unha forte tempestade. Sucedeu en concreto nos arredores do Farum Brecántium (Torre de Hércules) onde saquearon varios lugares sementando o terror. Finalmente foron rexeitados. Anos máis tarde volverían arremeter contra Galicia, saqueando Iria Flavia e chegando tamén a asediar Compostela, onde foron derrotados. Dende aquel intre, a sé episcopal pasou de Iria Flavia a Santiago de Compostela.
Os viquingos fustrigaron recorrentemente Galicia incluso a lugares do interior como Ourense ou a cidade de Lugo que atacaron sen chegar a sometela. Xa, no ano 1028, chegou a Galicia Ulv Galiciefarer, alcumado así polos seus numerosos saqueos na nosa terra. Nun destes, remontando a Ría de Arousa coñeceu as fortificacións construídas para impedir o seu paso: os Castellum Honesti, antigas fortificacións defensivas reforzadas nesta época polo Bispo Cresconio, quen coas súas tropas, venceunos.
Tamén segue viva na tradición popular a lenda histórica do Bispo Gonzalo Froilaz da diocese de Bretoña, un amplo territorio no que estaba incluída a actual Mariña Lucense. Conta que ante a chegada dun gran número de barcos viquingos a esa parte da costa e do pánico que estou xerou na poboación, o Bispo Gonzalo pregou axuda ao ceo. Os seus rezos, así o di a historia, desataron un terrible trebón que afundiu a maior parte daquela flota de invasores e dende aquela para o seu pobo foi considerado un santo.
A nosa relación histórica cos viquingos semella que non foi precisamente boa, pero eses eran outros tempos, nos que os seus cascos ían sen cornos. Eu quedo fascinado coa súa arte tan directamente relacionada coa nosa, quizais non eramos tan distintos malia todo.