Os museos galegos achegan cultura dende a distancia

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

O CGAC organiza un obradoiro de Aula diversa
O CGAC organiza un obradoiro de Aula diversa SANDRA ALONSO

Ducias de actividades poñen o foco na igualdade e inclusión

18 may 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A cultura cocíñase coa receita máis ancestral que existe: mesturar isto e aquilo e iso outro que acaba de aparecer. A cultura non se entende sen diversidade, da que agroma o respecto, a igualdade, a inclusión. De ser distintos pero iguais é do que vai este Día dos Museos, no que as institucións culturais de boa parte do mundo achegan cultura. Aínda que sexa dende a distancia. Tamén os museos galegos, que teñen preparadas ducias de actividades diferentes, pero sobre todo dixitais, para conmemorar o seu día. Porque os museos non son só os espazos que os acubillan.

A arte sae das exposicións e reinvéntase na proposta do Museo de Belas Artes da Coruña, que publica este luns unha exposición virtual coas creacións artísticas que presentou o público a partir de nove obras propostas pola institución. O CGAC organiza o vindeiro 20 de marzo un obradoiro de Aula diversa, un proxecto no que a arte contemporánea funciona como ferramenta de inclusión social.

O Museo Centro Gaiás presenta este luns un vídeo recompilatorio das exposicións que presentou e que xiraban sobre diversidade, igualdade e inclusión O Museo Etnolóxico de Ribadavia amosa a través dunha presentación audiovisual o traballo que vén desenvolvendo coas persoas maiores dende o inicio do confinamento para superar a fenda dixital. Pola súa banda, o Museo do Viño de Galicia propón un brinde simbólico virtual que reúne a representantes das cinco denominacións de orixe e as catro indicacións xeográficas protexidas.

O Museo Arqueolóxico de Ourense pon a disposición do público un crebacabezas con imaxes de pezas do museo e da súa fachada. Ademais, a través de pequenos vídeos, o persoal preséntase e explica a que se dedica.

No Museo Massó de Bueu recuperan a través dunha aplicación multimedia o catálogo de 1924 deseñado por Federico Ribas, que conta con fotografías das diferentes fases de traballo na conserveira. E no museo do Castro de Viladonga pon como exemplo de diversidade e inclusión as culturas castrexa e romana.

Tamén a Catedral de Santiago abre o seu catálogo dixital ao público e permite descargar a audioguía mentres dure o confinamento. Os museos da Coruña propoñen visitas teatralizadas virtuais da man de Isabel Zendal, Eusebio da Guarda ou María Pita. A Fundación Seoane puxo en marcha Laboratorio Escóitasme, un obradoiro semanal para as familias arredor da plástica de Seoane, e a serie de conversas arredor da arte Laboratorio Expedición.

E unha apertura: os espazos de Serralves desborda vida e unha programación especial para este día.

Reapertura en tres fases a partir deste martes

Como o luns adoita ser o día de peche, a actividade presencial nos museos da Xunta retomarase este martes e farase cun cronograma dividido en tres fases, logo dunha semana de preparación dos protocolos.

Cando menos as primeiras días semanas abrirán preservando un terzo da súa capacidade en cada un dos espazos e salas e sempre que sexa posible fomentarase a venda de entradas de xeito telemático. O público non poderá tocar ningún elemento e as visitas deberán ser de xeito individual, aínda que se permiten visitas conxuntas de unidades familiares ou de convivencia, pero non a reserva de grupos. No haberá material de consulta de acceso libre o que se utilice para a actividade investigadora imprescindible aplicarase unha corentena de dez días.

Na segunda fase comezará a incorporación progresiva de persoal que determine o protocolo da Xunta para o regreso dos traballadores públicos á actividade presencial. Nunha terceira fase, e mantendo os requisitos anteriormente sinalados, a limitación de aforo subirá dun terzo á metade da capacidade dos museos.

Os arquivos comezan este luns a recuperar a súa actividade de xeito presencial. Aínda que dende inicios de maio permitíase consultar os fondos con cita previa e limitando os documentos a dez a consulta para investigación se era imprescindible, a partir de agora o proceso de desescalada comezará pola reincorporación progresiva do persoal ao traballo presencial, mantendo medidas de hixiene. Nunha segunda fase, a consulta en sala estará limitada a un terzo do aforo e gardando a distancia interpersoal e os materiais serviranse baixo petición ao persoa do arquivo. A terceira fase completarase coa incorporación progresiva do persoal empregado público seguindo as indicacións que fixe o protocolo da Xunta.