A editorial Galaxia chega este sábado aos 70 anos fiel ao seu espírito fundacional e con novos proxectos
24 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.O 25 de xullo de 1950 celebrouse no hotel Compostela, en Santiago, a asemblea fundacional de Galaxia. Recollendo o espírito da Xeración Nós -o primeiro presidente da editorial foi Otero Pedrayo- e o Partido Galeguista, aspiraba a crear unha casa común para a cultura galega arredor da súa lingua nos duros tempos da ditadura franquista. Aquel grupo propuxo unha carta estelar que sumaba galeguismo, europeísmo e democracia: setenta anos máis tarde, os que fai Galaxia este sábado, segue sendo igual de relevante, proxectando unha luz perdurable, coma a das estrelas cuxa luz perdura no tempo e na longa distancia.
«Galaxia nace nun momento político e cultural moi concretos», lembra o presidente do consello de administración do selo, Antón Vidal Andión, «pero fíxoo con vocación de permanencia e ese espírito fundacional mantense vivo». «O que nos move, o que marca as nosas decisións, é o mesmo que hai setenta anos», confirma o director xeral, Francisco Castro, quen cualifica de «milagre» que un proxecto cultural «exclusivamente en galego» non só sume eses sete decenios, senón que na actualidade sexa a maior editora de Galicia por número de empregados e número de publicacións anuais: «Galaxia non reparte dividendos, non ten ánimo de lucro, senón que está ao servizo do país, asumindo unha defensa da cultura e da lingua que quizais as administracións públicas non fan co suficiente entusiasmo».
Vidal Andión contextualiza o ánimo que movía aos presentes naquela asemblea fundacional e que guiou aos primeiros responsables da editora: «Tratábase de quebrar o illamento moral da sociedade galega, ese país encarcerado, e de renovar o galeguismo, conectando coa mocidade, sobre todo a universitaria». Dous piares aos que se engadiu a diáspora: «A Galicia antifranquista, dende Arxentina e Uruguai, tamén dende México, en menor medida, achegaron fondos económicos a eses proxectos culturais». Esa arela de comunicación exterior tamén abranguía as traducións, outro eido no que Galaxia foi pioneira.
Na actualidade as circunstancias mudaron pero o ideario do proxecto non perdeu vixencia. «Ese mesmo espírito obríganos a integrar novos formatos, a comunicarnos nas redes sociais, a coidar a literatura infantil e xuvenil», enumera Castro. Unhas circunstancias ás que non é allea a situación da lingua. Vidal Andión: «En 1950 o galego era a lingua cotiá do 80 % da poboación e faltaba o recoñecemento oficial e académico. Hoxe acadamos esa dignificación, pero cada vez ten unha menor presenza como elemento de convivencia». Un diagnóstico no que coincide Francisco Castro: «Preocúpanos un futuro no que cada vez hai menos galegofalantes, no que se quebra a liña de transmisión familiar da lingua». Para Vidal Andión, esa batalla hai que dala na conquista de novos lectores, especialmente na infancia: os títulos dirixidos a eles supoñen o 33 % da actividade de Galaxia. Asegurar ese futuro para o galego é clave, segundo Castro: «Sen falantes, non hai cultura nin tampouco editoras».
Catro fitos senlleiros na historia da editora
Vidal Andión e Francisco Castro escollen catro fitos que marcaron a historia de Galaxia, unha traxectoria distinguida con premios como o Fernández-Latorre ou a Medalla de Ouro de Galicia.
Revista «Grial». Tras os seus problemas iniciais coa censura, dende 1963 a publicación non falta á súa cita, conformándose como un espazo de debate de ideas e promoción de iniciativas culturais.
Colección e premio «Illa Nova». Nacida en 1957, a colección deu cabida aos autores da chamada «nova narrativa galega», unha corrente anovadora no formal e no fondo. Un talante de renovación e busca que a editorial retomou nos últimos anos coa convocatoria dun premio con este nome, dirixido a autores menores de 35 anos.
Colección «Sonárbore». Francisco Castro destaca esta parte do catálogo da editora, que «suma máis de trinta títulos de música en galego, con artistas de primeiro nivel e de todos os estilos».
Domingo Villar. Para o director xeral de Galaxia, Domingo Villar acada a categoría de fito na historia recente da editora, como avala o feito de que o seu libro O último barco vendese 10.000 exemplares en galego en pouco máis de dous meses.
Memoria histórica, feminismos, teatro e clásicos ilustrados para adultos
«Cada ano tratamos de poñer en marcha unha liña editorial nova», subliña Francisco Castro, quen avanza algunhas das apostas de Galaxia para o futuro a curto prazo. Cita con especial orgullo a colección dedicada ás temáticas feministas, á que axiña se sumará unha nova arredor da memoria histórica. «Non está o suficientemente estudada, algo moi necesario, sobre todo agora que hai voces que a cuestionan», engade. Galaxia prevé abrir tamén outras dunhas liñas, unha dedicada ao teatro contemporáneo e outra para o ensaio de temas actuais, que aborde «os problemas de hoxe en día». E en breve aparecerá unha edición ilustrada por Diego Estebo de A esmorga de Blanco Amor, que abre un vieiro para que este tipo de edicións cheguen a lectores adultos e non só xuvenís.