Alfonso Zarauza: «O cine galego ten agora tal forza que é imparable»

CULTURA

Sandra Alonso

O cineasta compostelán, que será homenaxeado este domingo no festival Cineuropa, tamén presentará o seu novo filme, «Ons», que chegará as salas o 18 de decembro

21 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Alfonso Zarauza (Santiago, 1973) non para estes días coa súa nova película, Ons. O filme rodado na illa do mesmo nome e protagonizado por Antonio Durán Morris e Melania Cruz, entre outros, acábase de estrear no Festival de Sevilla, estará este domingo en Cineuropa (Santiago) para despois acudir a Márgenes (Madrid) e ao Culturgal (Pontevedra). Ás salas de cine chegará o día 18 de decembro. Ademais, o cineasta será homenaxeado no festival compostelán na súa última xornada desta edición. 

-Estreou en Cineuropa «A noite que deixou de chover», a súa primeira longametraxe. Agora pecha esta edición con «Ons». Que supón este premio do festival?

-É algo moi emocionante e bonito. Cineuropa non é só o meu festival, senón que é o festival onde me eduquei. Levo indo como espectador desde 1992, así que durante 16 anos fun espectador. Logo, empecei a asistir como cineasta no 2008, coa miña ópera prima e despois con outros traballos, pero nunca deixei de ser espectador. Entón, é o meu festival como espectador e, ademais, onde sempre coidaron moi ben as miñas películas, por el pasaron todas. Para min é estar no meu fogar; ser querido e acollido no teu fogar non che deixa de dar moito orgullo, é algo moi fermoso.

-Soñaba con chegar ata este momento aquel rapaz que no ano 1994 facía a súa primeira curtametraxe, «Hay que joderse»?

-Precisamente, este premio Cineuropa quero dedicarllo ao meu querido amigo Pablo Iglesias Rendo co que fixen esa curta. Con el empecei a facer cine e a soñar con ser director. Entón, para min é especialmente bonito. No 94 durante tres frías noites de decembro rodamos a nosa primeira curta soñando con ser directores de cine. Pasaron case 26 anos desde entón, eramos uns nenos pero aquí estamos.

-Imaxinaba esta traxectoria?

-Daquela era todo como un soño porque non había sector audiovisual galego, non había Facultade de Comunicación Audiovisual en Santiago, só existía Xornalismo. Era moi estraño. Para facer cine tiñas que irte a Madrid, non se podía facer desde Galicia. Estabamos na era analóxica, que parece que o dixital leva toda a vida aquí con nós, pero daquela non había teléfonos móbiles nin ordenadores cos que editar na casa... Facer cine era algo moi caro, algo analóxico e custaba moito. Entón, era un soño. Nós fomos capaces de sacar esa curta adiante, dunha maneira moi tola e moi bonita, pero non me imaxinaba que podería dedicar profesionalmente a iso, que viviría toda a vida sendo director de cine... A verdade é que foi un arranque moi fermoso.

-Unha das cuestións que destaca o director de Cineuropa sobre vostede é «a coherencia que o acompañou na súa obra: un xeito de ser fiel a unha idea de cinema que, sen ignorar a modernidade e as novas ondas, non renuncia ás bases narrativas do clásico». Ata que punto son importantes para vostede estas últimas?

-Son moi importantes porque a miña maneira de facer vangarda é ser fiel a min mesmo. Non renuncio ás novas linguaxes cinematográficas, sempre intento estar á vangarda e estar pendente dela, pero ante todo intento ser fiel a min mesmo en canto á maneira que teño de concibir o cine e do cine que a min me gusta como espectador. Entón, nunca din o brazo a torcer. Nunca fixen discursos pretenciosos, sempre intentei ser honesto comigo mesmo e iso é o que fai o meu cine moderno e contemporáneo.

-Precisamente, con «Ons», afirma que quere recuperar un cinema que non abunda demasiado: un de xénero sen artificios, de corte autoral. Sobran os artificios no cinema actual?

-Hai moitos lugares comúns, moito tópico. Hai como dúas vertentes: ou vas a un cinema moi manido, moi trillado e moi zafio, ou vas a un cine moi pretenciosamente vangardista. Como que non hai un camiño do medio cun cine máis honesto, que non caia na zafiedade nin no simplismo pero tampouco na pretenciosidade. Ese é o camiño que a min me interesa.

-E é difícil ese camiño do medio?

-É complicado. Nos grandes festivais igual buscan linguaxes máis contemporáneas, que están de moda. Por exemplo, se traballas con non actores, pois tes máis posibilidades ao mellor que se traballas con actores. Se fas un cine narrativo é máis complicado entrar nun festival bo que se fas un cine críptico ou antinarrativo. Son linguaxes modernas, que son moi interesantes, pero a min interésame seguir facendo o que eu creo desde a miña maneira de entender o cine, non por cálculo. Prefiro ser coherente comigo mesmo e facer o que me dá a gana, basicamente (ri).

-«0ns», precisamente, estreouno en Sevilla, agora Cineuropa, despois no Culturgal...

-E despois en Madrid, en Márgenes na Cineteca, a finais de novembro. É un festival moi interesante porque se vai facer en sete cidades de América Latina. En Madrid é presencial e seleccionan cinco películas —as que consideran as máis interesantes e vangardistas do cine iberoamericano deste ano— e unha delas é Ons. Vaise ver en streaming en todas as cidades ao mesmo tempo e estamos moi contentos de que seleccionaran o noso filme.

-Entón, contento polo camiño que leva antes de chegar ás salas comerciais.

-Si. Está sendo moi ben acollida no circuíto de festivais e de críticos. Iso sempre é moi bo e esperanzador porque é a garantía de que tes unha boa película e agora queremos que lle guste ao público.

-Cando filmaron «Ons» tiveron que enfrontarse a varios temporais, agora o tsunami da pandemia. Como se afronta esa incerteza? Para cando a estrea en salas?

-Nós desde a rodaxe e en todo este ano fómonos especializando en surfear dificultades. Estamos xa moi afeitos a iso. Pese a todo, tomamos a determinación de saír igualmente o 18 de decembro en salas. Hai moitas películas —sobre todo as majors americanas— agardando a un tempo mellor, pero nós decidimos sacala agora porque cremos que é máis necesario que nunca. A xente, ademais de alimentar o estómago e o peto, necesita alimentar o espírito. Entón, decidimos que non iamos agardar a que pase toda esta época de incerteza, senón que imos a saír o 18 de decembro en salas e estar accesibles porque é cando máis se necesita. É unha decisión arriscada, que debatemos moito o produtor, os distribuidores e eu, e, ao final, decidimos saír en Galicia e nas cidades máis importantes de España o 18 de decembro.

-«Ons» non é un thriller, pero hai misterio; hai unha historia de amor, pero entendido no seu senso máis amplo, como seguridade emocional. Que quixo trasladar con ese filme?

-Quería falar desa necesidade de afecto que temos os seres humanos ao longo da nosa existencia. Como di a fareira da película, 'somos como barcos á deriva na noite oceánica'; buscamos un faro que nos guíe no medio desa escuridade —que é como unha metáfora do amor—. A ese faro quéreste achegar, porque é o que te guía, pero, ao mesmo tempo, non te podes aproximar demasiado porque podes rematar encallando, afundindo... Para facer esa metáfora temos toda unha carcasa como dun thriller emocional, con misterio. No fondo o que queremos falar é de algo moi serio, que a min me interesaba moito nestes momentos.

-Alude á necesidade de afecto, aínda cobra maior importancia nesta situación que toca vivir?

-Si, porque somos illas emocionais no fondo. As illas, como as personaxes da película, teñen unha parte que se ve, que está emerxida sobre o mar, e unha parte que subxace, que non se ve. Entón, os personaxes teñen unha parte que amosan e outra que agochan. A todos nos pasa iso. Mostramos unha parte de nós —normalmente no Facebook e nas redes sociais amosamos a parte bonita—, pero logo temos unha parte agochada. No fondo somos illas emocionais en busca de afecto.

-Como pode afectar ao cinema galego este contexto da pandemia?

-Todo o complica un pouco máis e faino máis complexo, pero o cine galego ten agora tal forza que é imparable. Estamos nun momento pletórico. Están pasando cousas incribles coas nosas películas. A xente non é moi consciente do difícil dos logros que está acadando o cine galego con inmensos cineastas que están xa recoñecidos a nivel mundial. Por exemplo, Ons é unha película rodada en Galicia, en galego, con actores galegos e equipo galego, pero que está financiada internacionalmente por varios países. Unha parte importante do financiamento vén de fóra de España. Comprouna a RPT —a televisión pública portuguesa—, é unha coprodución internacional para varios países. Todo isto é dificilísimo de conseguir e lógrase agora porque hai un nivel de autores moi sólidos. Por exemplo, para Ons tiven que ir a Bruxelas e estar diante dunha comisión que me preguntaban en francés e inglés por que o goberno belga tiña que poñer cartos... Iso é moi complicado de lograr e estámolo logrando os cineastas galegos a base de prestixio, de boa reputación, de boas películas..., o que permite financiarnos fóra para, ao final, traer cartos e traballo para aquí. Séguese dicindo “a cultura non serve para nada”, pero si que sirve para moitas cousas, entre outras, para lograr moito financiamento internacional e dar traballo aquí. Este é o xeito máis simplista e máis vulgar de presentalo, pero para estas persoas que só ven a parte económica das cousas, o saiban. Pero, a parte diso, o importante é a grandeza e a forza que ten todo este cine, todo isto que estamos logrando con grandes cineastas como Oliver Laxe, Lois Patiño, Eloy Enciso, Eloy Domínguez, Jaione Camborda... Estamos logrando ir a festivais moi difíciles de entrar. Xa é normal que en todos os grandes festivais do mundo na sección oficial haxa unha película galega entre as doce que compiten, pero é algo moi excepcional e difícil de conseguir porque compites con centos e centos de filmes de todo o mundo e moi bos. Estar aí é complicadísimo: en Cannes, Locarno, Róterdam... En todos os grandes festivais do mundo sempre hai unha película galega nos últimos dez anos. Iso é único, debemos ser conscientes e visibilizar máis aos nosos autores. Agora empézanse a coñecer máis a base de golpes na mesa e de prestixio. É o momento de dicir estamos aquí facendo isto, que é moi complicado de conseguir; hai un nivel altísimo en Galicia.

-Entón, como me dicía antes, xa non fai falta ir a Madrid para facer cine?

-Agora mírannos con certa envexa os cineastas de Madrid. Eu con Os fenómenos fun a 35 festivais de todo o mundo, nos cinco continentes, e en moitos deles me preguntaban: «Que é iso do novo cinema galego? Que está pasando en Galicia para que xurdan tantas películas tan boas?». É algo realmente único, unha das revistas de cine máis importantes do mundo, a francesa Cahiers du Cinéma, fixo un artigo sobre o cine galego e os seus cineastas. Isto no mundo do cine coñécese moito; chama a atención que dun sitio tan pequeno, tan periférico, xurda un grupo de cineastas con tanto poderío, con películas tan boas e con tanto prestixio.

-Entre os seus novos proxectos está «A máscara».

-É un thriller. Será darlle unha volta as cousas utilizando a linguaxe habitual do xénero. Imos empezar a rodala en maio e o obxectivo é que sexa entretida, divertida para o espectador, pero, ao mesmo tempo, que teña unha tripla cara, que empregue o cine que a min me interesa, cunha linguaxe interesante, arriscada e fermosa e poderosa. Vaise rodar en Galicia. Teño outro proxecto, que é Islandia, unha película que vaise rodar unha parte en Galicia e outra en Islandia, en galego e en islandés. Esa é un coprodución internacional. Esta é máis complexa e será cara o 2022.