Xosé Ricardo Losada gaña o Torrente cunha novela sobre o poeta Manuel Antonio

Xesús Fraga
x. fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Xosé Ricardo Losada, na presentación en Rianxo da súa anterior novela
Xosé Ricardo Losada, na presentación en Rianxo da súa anterior novela marcos creo

A obra ficcionaliza a relación do autor coa nai nos seus últimos meses de vida

05 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

No ano 2018, o escritor e profesor Xosé Ricardo Losada (Rianxo, 1961) publicou unha achega a Manuel Antonio, a cabalo entre a biografía e o ensaio, titulada Vida e misterio dun poeta galego. Naquela altura, Losada insistira moito na palabra misterio, fundamental no seu propósito de trazar un perfil psicolóxico do autor de De catro a catro. Agora, os misterios, as zonas de sombra ás que a documentación e a historia non chegan, pero si a literatura, veñen de darlle o premio Torrente de novela, convocado pola Deputación da Coruña e dotado con 6.500 euros. O rosario e a buguina é a ficcionalización dos tres últimos meses de vida de Manuel Antonio, e nos que destaca como motor dramático o conflito que vive coa nai por motivos relixiosos.

«Cando estaba rematando Vida e misterio dun poeta galego xa sabía que ía acabar escribindo esta novela», lembra Losada. Eses tres meses últimos, cun Manuel Antonio case agonizante, de regreso de Cádiz para convivir, enfermo, coa nai, só lle permitían ao biógrafo a especulación. Mais a literatura si lle ofrecía unha chave para acceder, á través da recreación e a ficción, a ese espazo íntimo entre o poeta e a nai que asiste ao fillo moribundo.

«A novela constrúe a trama coa alternancia de voces pola que a historia se relata desde a nai ou desde o propio Manuel Antonio cunha eficaz construción de personaxes e unha escrita coidada», destacou da novela gañadora o xurado, que tamén incidiu na lectura de O rosario e a buguina como a incomprensión da vocación artística no entorno familiar. Losada coincide nesa valoración, xa que a necesidade de Manuel Antonio de que a nai entenda o papel que a literatura desempeñou na súa vida foi crucial. A isto súmanse as diferenzas de sentimento e entendemento arredor da relixión: a extremaunción é o detonante deste conflito. Segundo Losada, os rituais católicos están moi conectados no caso de Manuel Antonio coa relación da nai e, tamén, coa perda do pai cando o futuro escritor apenas tiña catro anos. 

Dimensión psicolóxica

Como xa acontecera na escrita de Vida e misterio dun poeta galego, a publicación do epistolario de Manuel Antonio, ao coidado do académico Xosé Luís Axeitos, foi unha vía de acceso importante para construír a dimensión psicolóxica e as voces dos personaxes de O rosario e a buguina. De feito, Losada cre que a lectura das cartas debería servir tamén para axudar a matizar a visión dun Manuel Antonio un tanto mitificado, e trazar un retrato psicolóxico máis complexo do que adoitan ditar os tópicos. O cal, subliña, non significa minusvaloralo nin como escritor nin como persoa, senón que son precisamente as súas contradicións as que contribúen a entendelo mellor, a el e a súa obra.

Profesor de Filosofía no IES Félix Muriel da súa vila natal, Xosé Ricardo Losada tamén publicou o ano pasado a novela A casa xunto ao volcán, premio Viadutos, e a concesión do Torrente coincide co proceso de escrita dunha nova obra de ficción. «Eu sempre pensei que a miña visión era moi abstracta e filosófica, non moi axeitada para a narrativa», recoñece.