Os rostros de Chaves Nogales

CULTURA

01 feb 2021 . Actualizado a las 04:00 h.

Nos últimos anos a obra do xornalista Manuel Chaves Nogales (Sevilla, 1897-Londres, 1944) foi saíndo progresivamente do esquecemento, cunha recuperación que se deu primeiro nos ámbitos locais e académicos, para acadar logo unha maior difusión comercial que vén de culminar coa recente edición da obra completa por Libros del Asteroide, o selo que dirixe dende Barcelona o vigués Luis Solano, e a exposición Cuadernos y lugares, comisariada pola tamén periodista Charo Ramos para o Centro Andaluz de las Letras. Toda unha celebración das moitas páxinas coas que Chaves Nogales renovou o vello oficio de informador, escribindo con precisión e ambición narradora: o que no seu momento era puro presente atravesa agora o tempo para transformarse en historia, mais sen perder a inmediatez do xornal.

Mesmo semella ás veces que Chaves escribiu para nós, os seus lectores futuros. Como non simpatizar coa súa peza de 1929, Nuevo periodismo, na que se laia de quen opina ex cathedra a diario sobre calquera tema? Que pensaría hoxe das tertulias televisivas? Porén, o sorriso fica conxelado cando lemos o seu retrato de 1933 de Goebbels: un tipo «ridículo, grotesco» pero «de los hombres votados a un ideal con el cual fusilan a su padre si se les pone por delante».

Cinco anos despois asina outra achega, a de Francisco Franco, dunha presciencia estarrecedora, pois en pleno balbordo bélico, Chaves traspasa a propaganda de ambos bandos para dar coa cerna do entón xeneral sublevado e futuro ditador. Como o Deza de Tu rostro mañana de Javier Marías, examina a súa traxectoria e singulariza os trazos psicolóxicos que presidirán a vida do país nas décadas futuras. Un «hombre sin imaginación» e «cruel», que malia a súa «falta de espíritu cristiano» se aproveita dunha Igrexa cuxos bispos son conscientes de que venderon «su alma al diablo» e do fascismo patrio -«¡pronto le llegará la hora de la decepción a los falangistas!»- para instaurar «un poder personal y arbitrario». «¿Cuántos millares de muertos son necesarios todavía?», «¿Puede concebirse mayor tragedia para un pueblo?», proxecta Chaves ao futuro, pregunta que aínda nos interpela hoxe.