O memorial Xosé Seivane servirá para premiar aos novos valores da gaita

Dolores Vázquez A CORUÑA / LA VOZ

CULTURA

CEDIDA

É unha das propostas impulsadas dende Cambre no centenario do artesán

07 feb 2021 . Actualizado a las 23:21 h.

O legado de Xosé Manuel Seivane Rivas (Fonmiñá, 1921-Cambre, 2012), «a gaita con maiúscula», como o definiu o seu biógrafo Xosé Manuel Sánchez Rei, mantense e continúase expandido dende o obradoiro da familia ao carón do bosque animado de Cecebre. O logrado por el na evolución contemporánea do instrumento escoitábase en multitude de torreiros nas festas e as súas pezas de artesanía seguen sendo cobizados obxectos de desexo de moitos gaiteiros. Con ese bagaxe as costas, os Seivane queren reivindicar este ano a figura do patriarca cando se cumpre, o 9 de febreiro, o centenario do seu nacemento. Están traballando na posta en marcha dun memorial anual, en colaboración co Concello de Cambre, mais a pandemia, se cadra, imposibilita que finalmente se materialice este ano. «Algo equivalente ao Premio Constantino Bellón de Ferrol, que era para solistas, ou o Memorial Ricardo Portela de Pontevedra, que era para cuartetos», precisa Álvaro Seivane, que cre que a opción solista será, se cadra, a que se impón. O que pretenden é recoñecer o traballo de composición e interpretación dos gaiteiros nestes días onde escasean este tipo de certames.

Antes de que isto sexa posible, programan para este ano tres actos na memoria de Xosé Manuel Seivane nos tres lugares que supuxeron un fito na vida deste artesán, na Pastoriza, onde naceu, Ribeira de Piquín, onde montou o seu obradoiro e viviu cincuenta anos, e en Cambre, a onde se trasladou a finais de 1994 e reuniuse a súa saga.

«Queríamos facer algo similar nos tres, consistirá nun acto conducido por Xurxo Souto, unha mesa redonda co seu biógrafo, o meu irmán Xosé Manuel, Susana e eu», avanza Álvaro, que indica que isto completarase coa interpretación de cancións dun home que debe a súa sona a construción de gaitas, pero que tamén foi músico, compositor e salvagarda de moitas das pezas de gaiteiros que se escoitaban na súa época na Pastoriza e Mondoñedo.

Pedro Lamas e Daniel Bellón, que foron os que transcribiron pezas da súa composición que se poden atopar no libro Xosé Seivane. A gaita con maiúscula, de Sánchez Rei, interpretarán esas composicións xunto con Susana Seivane, que pechará estes actos coa presentación do seu último traballo discográfico, Dende o meu balcón.

«Foi un dos grandes artesáns da gaita, posiblemente a gaita sen el non tería sido a mesma, contribuíu a mellorala», recoñece sobre o traballo do seu pai Álvaro, ao que se lle debe, xunto o seu irmán Xosé Manuel, conseguir espallar o selo Seivane máis aló das nosas fronteiras dende un obradoiro no que traballa tamén a terceira xeración, Saínza Seivane, que na actualidade é a única muller en Galicia que se dedica á construción de gaitas.

«El coñeceu a gaita como un instrumento moi primitivo, as gaitas íanse facendo unhas por outras sen un método rigoroso e científico, incluso eran feitas por torneiros e carpinteiros que non entendían de música, pero el ao ser músico -gaiteiro e clarinetista- sabía das dificultades da gaita ao tocar con outros instrumentos e estivo toda a vida investigando, mais sen sacar a gaita da súa esencia», remarca Álvaro. Di que o seu pai traballaba para lograr a perfección fronte quen se quedaba na busca do tiruliru ou de que o instrumento roncara. Relata que se antes as gaitas clasificábanse en tres categorías (redonda, tumbal ou grileiras) o traballo feito permitiu chegar a que «teñamos 18 tonalidades».

«Era un artesán íntegro»

«Eu a estas alturas canto máis sei máis admiro e recoñezo o valor que el tiña», comenta Álvaro Seivane do seu pai, do que di: «Era un artesán íntegro». Faino relatando como dunha bésta dun coche ou dunha lima facía a ferramenta precisa para construír unha gaita. «Fundía a prata como un xoieiro para facelas anelas ou se precisaba unha chave para os seus inventos -porque facía gaitas con chaves, ou para un clarinete- facíaas soldando», rememora dun labor que aínda hoxe en día sería custoso facer a man pese as axudas que hai para atopar información sobre materiais.