A Academia reivindica coas figuras de Valentín e Xela Arias a transmisión xeracional do idioma
CULTURA

A entidade recupera un texto que o tradutor escribiu en 1968, inspirado na crianza en galego da futura escritora
18 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.En 1968, o mestre e tradutor Valentín Arias escribiu o relato Xeliña fala galego, no que relataba a experiencia como nena criada en galego da súa filla Xela, nacida seis anos antes a quen se lle dedica neste 2021 o Día das Letras Galegas. Ese texto veno de recuperar na súa web a Real Academia Galega co gallo do Día da Lingua Materna, instaurado pola Unesco e que se celebra este domingo. A entidade non só homenaxe así a pai e filla, dúas figuras importantes para a tradución e a literatura en galego, senón que lembra tamén a importancia da transmisión xeracional do idioma. «A proposta da Unesco ten este ano un obxectivo moi concreto: fomentar o multilingüismo para a inclusión na educación e na sociedade. O texto de Valentín Arias Xeliña fala galego é moi significativo ao respecto. Multilingüismo sen renunciar ás raíces, profundando nelas, para construír unha sociedade sen complexos», argumenta o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes nun artigo titulado Lingua da memoria e que tamén recolle a web da institución.
O texto de Valentín Arias foi publicado nun especial das festas de San Xoán de Sarria. A protagonista, Xeliña, ten como lingua nai o galego por decisión dos seus proxenitores, malia os prexuízos sociais. O conto xira arredor da idea de que a nena, criada en galego e que xa sabe castelán, partirá con vantaxe respecto dos monolingües, xa que contará cunha maior facilidade para a aprendizaxe dos idiomas. Un relato que resultou profético, xa que Xela Arias sería unha destacada tradutora, ademais de poeta e editora. Un cumprido exemplo a prol do multilingüismo.