O conforto do humilde caldo para tempos difíciles

La Voz REDACCIÓN

CULTURA

Celebración, o ano pasado, do caldo de groria na casa-museo de Rosalía en Padrón
Celebración, o ano pasado, do caldo de groria na casa-museo de Rosalía en Padrón PACO RODRÍGUEZ

A Fundación Rosalía convida a celebrar o día da autora co prato que ela mesma describe en «Miña casiña, meu lar»

23 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

«Este é o ano de celebralo na casa». Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía, ten claro que a pandemia trasladará aos espazos domésticos boa parte das celebracións na honra da autora, cuxo día se conmemora cada ano o 24 de febreiro. Pero a propia Rosalía, como adoita pasar coa súa obra, ofrece o rexistro perfecto para esta efeméride marcada pola pandemia: o seu poema Miña casiña, meu lar, ten unha lectura como canto ao fogar como refuxio fronte á intemperie e as dificultades. E nos seus versos atópase a referencia ao caldo de groria, esa preparación humilde que, con tan pouca cousa, é capaz de quecer o corpo e de confortar a alma.

A Fundación Rosalía viña celebrando a xornada na honra da autora con esta iniciativa cun pé no literario e noutro no gastronómico, de gran éxito popular, pero que este ano terá que ser na intimidade do fogar. Con este motivo, na web da entidade vén o poema, a receita segundo Picadillo e os consellos da chef Lucía Freitas, da Tafona en Santiago. Logo de cociñalo e adubar o xantar cuns versos de Rosalía, o que cómpre é compartilo nas redes sociais cos cancelos #CaldodeGloria #DíadeRosalía.

«Ese poema é toda unha lección», reflexiona Angueira, sabedor de que nos clásicos coma Rosalía hai sabedoría que viaxa no tempo. «É unha lección para nós e de onde vimos, porque vimos de momentos moi difíciles. Somos un pobo humilde, pero as nosas nais e as nosas avoas, con practicamente nada, conseguiron darnos todo», engade o presidente da fundación rosaliana, que enmarca o poema «neses pequenos milagres domésticos que non abundan tanto na nosa literatura».

A voz do poema de Rosalía acada ese milagre, un caldo que con apenas uns poucos ingredientes humildes reconforta coma o mellor dos bálsamos. Algo do que os tempos actuais non andan escasos. «Agora cómpre facer o caldo. É unha lección de resistencia para os tempos que vivimos», propón Angueira. «Ten esperanza e ilusión, e nós, como pobo e como lingua, tamén temos esperanza e ilusión. Isto non é só un alimento, senón que é moito máis, é conseguir quedar confortado con moi pouco», di sobre como co máis humilde se poden acadar resultados marabillosos.

A Fundación Rosalía si manterá actos institucionais mañá, aínda que serán a porta pechada. Pero a Angueira non deixa de abraialo o alto número de iniciativas, «libres, democráticas, espontáneas», que cada ano se suman á celebración da gran poeta galega. Como tamén lembra ao sector hostaleiro, que con tanto entusiasmo acolleu en anos pasados a celebración arredor do caldo de groria, e que agora pasa por momentos complicados por mor da pandemia. «Teñen todo o noso agradecemento», constata o presidente da entidade, quen ve como a iniciativa vai camiño de consolidarse como xa fixo en Escocia outra celebración literaria e gastronómica, a do poeta Robert Burns. E a proba de pandemias.