Carreira espacial

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

23 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A misión espacial do Apolo XI aluou no Mar da Tranquilidade da nosa lúa o 20 de xullo de 1969. Neil A. Armstrong, Edwin E. Aldrin jr. e Michael Collins, foron os protagonistas deste feito histórico sendo o comandante Armstrong o primeiro home en pisar a superficie lunar. Daquelas eu tería cinco anos e lembro a situación como se fose hoxe. A escena quedou gravada en branco e negro na miña memoria xa que así era como o estaba vendo naquela vella televisión, con toda a familia estupefacta e coa devota tía Remedios rezando e perxurando que iso non podía ser verdade. Este feito relevante na historia da humanidade non era máis que o remate dunha frenética carreira tecnolóxica asociada á guerra fría, entre os EE.UU. e a antiga URSS.

Dende aquel momento seis misións máis volveron á lúa e doce homes volverían pisar a superficie do noso satélite aínda que o impacto mediático xa non foi o que tivo aquel Apolo XI. Ese foi o primeiro gran obxectivo dos humanos nesa inquietante carreira espacial que aínda continua. Con todo o bo disto dende a perspectiva dos avances tecnolóxicos, entre medio da lúa e a terra orbitan arredor de 5.000 satélites, moitos xa non están nin operativos pero aí seguen e estímase que hai uns 17.000 obxectos nese espazo que conforman unhas 7.500 toneladas de material considerado lixo espacial. Non cabe dúbida de que por onde pasamos imos deixando algúns rastros que moitas veces non son do máis desexábeis… Marte é outro dos obxectivos dende hai décadas e varias sondas orbitan o planeta vermello, incluso teñen amartizado varios artefactos que envían fotografías e información in situ, mais a distancia é importante. Moitas das misións, con diferentes bandeiras, foron un fracaso e a chegada do home aínda está por determinar no futuro.

Na actualidade pasea por Marte o vehículo Perseverance da misión Mars 2020 da NASA, dous dos seus obxectivos son a busca de habitabilidade do lugar e achanzar o camiño para a chegada dos humanos. E digo eu, sen estar en contra destes logros, non sería mellor humanizar e coidar máis o noso planeta e mellorar as condicións de vida dos que estamos aquí sen excepcións? Podería ser un gran obxectivo, que neste caso, si está nas nosas mans.