A «figueiriña» de Rosalía bota xa as súas raíces no Parlamento galego

Domingos Sampedro
domingos sampedro SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Santalices, na plantación en homenaxe a Rosalía, xunto con Rosario Álvarez, Feijoo e Anxo Angueira
Santalices, na plantación en homenaxe a Rosalía, xunto con Rosario Álvarez, Feijoo e Anxo Angueira Sandra Alonso

A homenaxe á autora incluíu a plantación dun fillo da árbore da súa horta

24 feb 2021 . Actualizado a las 21:00 h.

«Miña terra, miña terra, / terra onde me eu criéi, / hortiña que quero tanto, / figueiriñas que prantei». Á referencia á figueira que contén un dos poemas máis célebres de Rosalía de Castro, recollido en Cantares Gallegos (1863), foi este mércores un elemento crucial na homenaxe institucional que se lle rendeu á escritora no Parlamento galego, en cuxos xardíns se plantou un fillo da figueira centenaria que se conserva na casa da Matanza, en Padrón, e que foi plantada en vida da autora.

Non está claro que a figueira centenaria fose plantada pola propia Rosalía, como lle gustaba crer a Maruxa Villanueva, que custodiou a casa-museo da escritora durante dúas décadas, pero si se sabe que foi contemporánea á poetisa e que puido ser plantada, se non por ela, si por alguén da familia.

O exemplar en cuestión, incluído no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, estímase que pode ter en torno a 150 anos, un auténtico desafío ao tempo, pois a vida media deste tipo de froiteiras non adoita pasar dos 50 ou 60 anos.

Coincidindo co Día de Rosalía, que cada 24 de febreiro conmemora o nacemento da escritora galega máis universal, os presidentes da Xunta e o Parlamento, Alberto Núñez Feijoo e Miguel Santalices, participaron xunto coa responsable do Consello da Cultura de Galicia, Rosario Álvarez, e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, na plantación dun fillo da veterana figueiriña, que a partir de agora bota raíces na casona do Hórreo.

 «Rosalía fíxonos tomar conciencia da nosa terra, da importancia do noso pobo e da relevancia de ter unha cultura e unha fala de noso», destacou Feijoo durante a súa intervención no acto, antes de poñer en valor que a semente plantada pola autora de Follas Novas «tamén florece de forma extraordinaria na terra fértil do noso autogoberno».

O gaiteiro Jesús Olimpio Giráldez puxo o ramo á homenaxe coa peza Alborada, mentres Santalices anunciou unha conexión máis profunda e estable entre a sede do poder Lexislativo galego e a fundación que vela polo legado da gran referente do Rexurdimento.

A figueira rosaliana xa cobra nova vida e novo significado na Cámara autonómica, que ao cabo, é a mesma institución que atesoura un patrimonio emocional conformado por retratos de Ovidio Murguía, fillo de Rosalía, a biblioteca e o escritorio de Carvalho Calero ou un orixinal do mapa de Galicia de Fontán. 

Ofrenda na casa natal

Tamén houbo lembranza cunha ofrenda floral na compostelana praza de Vigo, onde se encontraba a casa na que naceu a escritora. Participaron representantes institucionais e veciñais, así como estudantes do colexio Cluny, que leron poemas de Rosalía. A Asociación de Veciños Raigame da Zona Nova anunciou que van iniciar os trámites para o cambio de nome da praza.