As herdeiras do escritor doan un exemplar da primeira edición facsimilar do pergamiño Vindel á Academia Galega, que homenaxea ao autor levando minipezas cos seus poemas á Rede
18 mar 2021 . Actualizado a las 19:05 h.«Ulises volve a Ítaca, ou iso pensa cando ao lonxe dende o mar absesulla as calexas tan brancas e costentas por el nunca esquecidas...». Os versos de Xosé Luís Franco Grande (Tebra, Tomiño, 1936-Vigo, 2020) resoan coma mensaxes inmemoriais que transcenden o tempo cando está próximo o primeiro cabodano do escritor e lexicógrafo, finado o pasado 31 de marzo. A Real Academia Galega, institución á que pertenceu, adiántase á efeméride con outra moi sinalada no calendario literario, o Día da Poesía o vindeiro día 21, xornada que conmemora coa obra de Franco Grande.
Ese poema, no que Franco Grande, como tamén fixera Cunqueiro, permite que o lector mire polos ollos do propio Ulises, protagoniza un vídeo no que Víctor F. Freixanes, presidente da RAG, recita os seus versos e inaugura unha serie de pequenas pezas audiovisuais coas que a entidade homenaxea ao poeta. Compañeiros seus da Xeración das Festas Minervais -nas que Franco Grande foi premiado en cinco ocasións- como Salvador García-Bodaño e Ramón Lorenzo participan nesta celebración da súa poesía, xunto cos académicos de número Xesús Alonso Montero, Marilar Aleixandre e Henrique Monteagudo, mais a académica correspondente Olivia Rodríguez. Cada un deles recita nun dos vídeos un poema do autor.
A lembranza conta tamén coa participación das fillas do académico, Navia e Rosalía Franco Barreiro. A familia formalizou unha doazón especial, a dun dos escasísimos exemplares -só se puxeran á venda no seu momento dez copias- da primeira edición facsimilar do pergamiño Vindel, que contén as cantigas de Martín Códax e que se publicou en 1915. O volume fora un agasallo a Franco Grande da tamén poeta e académica da RAG Xohana Torres, con quen compartía un programa radiofónico semanal na emisora La Voz de Vigo.
Ambas fillas achegan unha visión íntima a un escritor que na súa vida pública destacou por ser o autor do fundamental Dicionario galego-castelán aparecido en 1968 e por poemarios clásicos como Entre o si e o non. «Resúltame moi difícil falar de meu pai, pero eu diría que, sendo unha persoa máis ben calada, de poucas palabras, sabía atopar sempre a palabra precisa e máis fermosa, tanto nos seus poemas como nas súas conversas con nós», lembra Rosalía Franco. «Cando penso nel, penso fundamentalmente en dúas palabras: autenticidade e Tebra. Autenticidade porque creo que era radicalmente auténtico. Sempre dicía o que pensaba, creo que era moi valente. E Tebra porque esa foi a aldea de Tomiño na que naceu, na que se criou e que nunca abandonou. Sempre formou parte da súa vida, da súa lírica e, por suposto, foi alí onde naceu o amor de pai pola lingua galega», engade Navia Franco.
Deste xeito, o Día da Poesía achégase a unha figura que participou activamente na reconstrución cultural de Galicia durante o franquismo, tanto como poeta como polo seu traballo lexicográfico e como activista a prol da lingua galega. Do seu Dicionario e do Vocabulario galego-castelán, di a académica Fina Casalderrey que «serviu para achegarnos á nosa lingua e tamén a nós mesmos nunha época en que tiñamos as ventás pechadas á liberdade».
«Franco Grande foi compañeiro da Real Academia Galega durante moitos anos, participou activamente na xestión da institución e ademais era moi querido por nós. Como poeta, é moi representativo da xeración de mozos que se incorporan ás letras galegas nun tempo difícil, o da ditadura, cunha poesía moderna. Foi un dos autores máis significativos da Xeración da Tebra, dentro do espírito do existencialismo, da procura da intimidade, das grandes preguntas que o ser humano se fai diante da vida. A súa é unha poesía coidadosa, esixente, crítica, unha poesía que deixa pegada en todos nós», conclúe o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes.