Freixanes contempla optar á reelección na RAG cun proxecto de continuidade

Xesús Fraga
Xesús Fraga REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Acto da Real Academia Galega con Cotobade, con motivo do Día das Letras do 2019
Acto da Real Academia Galega con Cotobade, con motivo do Día das Letras do 2019 CAPOTILLO

O presidente saínte tomará a decisión definitiva nas vindeiras semanas

30 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A Real Academia Galega está en precampaña. O venres pasado celebrou un pleno no que se oficializou a conclusión do mandato de Víctor F. Freixanes e se abre o prazo para elixir unha nova executiva nun prazo máximo de tres meses. Contempla presentarse á reelección o presidente saínte? «Contemplo, pero non o teño decidido», sostivo este luns Freixanes, quen adiantou que nas vindeiras semanas tomará a decisión definitiva.

Trátase, segundo explicou, dunha «cuestión persoal», pero tamén colectiva. «É o resultado de falar cos compañeiros e compañeiras, cos que quero cambiar impresións para configurar un equipo, marcarnos uns obxectivos do que nos gustaría facer nos seguintes catro anos», ampliou Freixanes, quen tamén apelou: «Cada vez máis persoas que estamos na institución somos conscientes da necesidade de unir esforzos e vontades para sacar adiante as cousas, porque os desafíos son os que son. Económicos, pero tamén os derivados dos propios cambios sociais arredor da lingua e da sociedade en xeral». «Nestes catro anos de moitísimo traballo sentinme moi apoiado en xeral», engadiu.

Freixanes accedeu á presidencia da Academia en marzo do 2017 sendo candidato único. Unha circunstancia que podería repetirse agora, catro anos despois, xa que, segundo fontes coñecedoras do proceso electoral, a estas alturas parece pouco probable que se presente unha candidatura fronte a de Freixanes. Nas pasadas eleccións un grupo de críticos non asistiu ao plenario, amosando dese xeito a súa disconformidade co que consideraban afondar nunha división no seo da entidade. Descoñécese polo de agora se estes críticos repetirán a súa ausencia se finalmente non se concreta outra candidatura alternativa.

Intercambio

Entrementres, Freixanes explicou que a posibilidade da súa opción á reelección «vai depender moito do intercambio cos compañeiros e compañeiras», cos que traballará para buscar unha proposta que por un lado dea continuidade a proxectos postos en marcha nestes últimos catros anos e, por outro, avance novas iniciativas. O presidente saínte —agora ocupa interinamente a presidencia Henrique Monteagudo, responsable de poñer en marcha o proceso electoral— cre que hai necesidade dunha continuidade neses traballos para acadar todos os obxectivos marcados. O traballo dos departamentos técnicos da institución e a comunicación coa sociedade son os eixos fundamentais dun traballo que ten a súa cerna na lingua.

Entre esas cuestións que Freixanes considera de maior importancia, figuran a conexión coa mocidade —«preocúpanos moito a transmisión xeracional»— e o papel social do galego: «Reflexionar cos axentes sociais para ver que se pode facer para avanzar no uso da lingua». Neste sentido, a RAG desenvolve un traballo científico ao servizo da sociedade, que debe estar accesible, e iso implica o ámbito da comunicación. Un eido que, coas novas tecnoloxías, tamén é global. «O galego non é unha lingua local, ten que estar situada no mundo en relación co ámbito lingüístico ao que pertence», afirma Freixanes.

Todo este traballo conflúe noutra preocupación, a económica. Mentres as súas homólogas vascas e catalá reciben tres e case nove millóns, respectivamente, dos seus gobernos autonómicos, a galega «sobrevive» cun millón en todas as achegas. «Estamos en precario», recoñece Freixanes, sen deixar de advertir de que cos escasos recursos dos que dispón a entidade non se desmerecen as expectativas depositadas nela.