Pioneiros do teatro galego reflexionan sobre a vida en «Terceiro acto» do CDG

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

Detalle do ensaio da montaxe do CDG «Terceiro acto»
Detalle do ensaio da montaxe do CDG «Terceiro acto» PACO RODRÍGUEZ

A peza está construída a partir das experiencias vitais do elenco artístico

14 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Protagonistas sobre o escenario pero tamén na vida real. Belén Constenla, Roberto Leal, Fernando Morán, Mabel Rivera e Eduardo R. Cunha Tatán, pioneiros do teatro galego profesional, métense en pel propia en Terceiro acto, a nova produción do Centro Dramático Galego (CDG) que se estrea mañá no Salón Teatro de Santiago. A dramaturxia ten as raíces na experiencia vital do propio elenco artístico, nas súas emocións, na súa memoria... Unhas historias que durante o proceso creativo foron deixando sobre a escena en improvisacións e a partir das cales Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, integrantes da compañía Teatro En Vilo e directoras da nova montaxe da compañía pública galega, conformaron un espectáculo «que é unha gran celebración da vida».

«Trabajamos sobre sus experiencias vitales reales. Su pasado, su experiencia con la política, con el franquismo, la Transición...», explicou Andrea Jiménez, ao que Noemi Rodríguez engadiu que o obxectivo é que a peza sexa «un gran foco de luz, de esperanza» para o espectador. Nese sentido, indicou que o elenco artístico amosou «un gran afán de devorar a vida, unha total paixón polo seu oficio». O argumento da montaxe parte dunha troupe de actrices e actores veteranos que se reúnen clandestinamente pola noite para emprender a que quizais sexa a súa última aventura xuntos. «É unha desas noites inesquecibles, que sen dúbida quedan gravadas», relatou Noemi Rodríguez. Nesa velada cada un dos protagonistas «vive un momento de exorcismo, de epifanía». En cada caso é diferente e co foco posto en distintos aspectos, desde a perda do amor ao xeito de mirar a morte. Tamén hai unha viaxe para rebelarse contra a educación franquista e está presente o activismo e a política para enfrontarse a un mundo en ruínas. Hora e media de espectáculo no que hai tempo para a risa e para pórse serios. «É unha peza que trata sobre a vellez, sobre o lugar que damos na sociedade á experiencia, á traxectoria, á idade», incide Fran Núñez, director do CDG.

Encontro interxeracional

Terceiro acto, ademais dunha reflexión sobre a última etapa da vida e a reivindicación do papel das persoas maiores na sociedade actual, supón «un encontro xeracional de pioneiros do noso teatro profesional, ligados a Abrente e a MIT (Mostra Internacional de Teatro) de Ribadavia, e os saídos da primeira xeración da ESAD», subliña o director da compañía teatral pública, en referencia a eses actores protagonistas do xermolar do teatro profesional que superan os 60 anos e as directoras. «Só polo elenco este espectáculo vale a pena e todo o público debería anotar as datas para velo. Son cinco persoas de absoluta referencia nas artes escénicas galegas, que forman parte da historia e do presente do noso teatro», incidiu o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na presentación da montaxe.

Terceiro acto é a segunda produción propia do CDG que se estrea este ano despois de O charco de Ulises, que levantou o pano a mediados de xaneiro, e aínda quedará Serva me serbabo te, así como outras sete coproducións no que resta do 2021. Este novo espectáculo contará con máis de trinta funcións na sede da compañía pública en Santiago ata o 16 de maio. Desenvolveranse de mércores a domingo -hai dobre sesión os venres e os sábados-. No caso dos mércores serán funcións descontraídas para persoas con diversidade funcional, e o día 16 haberá unha función inclusiva. Ademais, todos os domingos, ao finalizar a función, celebraranse encontros entre o público e o elenco artístico. Terceiro acto contará cunha xira en xullo coincidindo coa Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, onde estará presente.

 Ademais, nesta ocasión, o CDG, para achegar as súas producións ao público, está organizando viaxes en autobús desde diferentes localidades ata a súa sede escénica. Gondomar, Redondela, Sada, Santiso, Teo, Toques e Piñor son algúns dos concellos que xa se sumaron a esta iniciativa da compañía pública.

«Compartimos cousas que non lle dixeramos a ninguén»

Levan anos enriba dos escenarios, pero para Belén Constenla, Roberto Leal, Fernando Morán, Mabel Rivera e Eduardo R. Cunha Tatán nalgúns casos Terceiro acto foi a primeira vez que se encontraron enriba das táboas. A novidade tamén se estende ao propio proceso creativo. «Nunca traballara desta maneira tan comprometida ao nivel de expoñerme; de expoñer cousas miñas, as cousas que me preocupan, que me emocionan, que me dan medo enriba do escenario», explicou Mabel Rivera. Nese sentido, indicou que chegou un momento que durante as xornadas de traballo compartiron reflexións ou sentimentos que «nunca antes lle dixeramos a ninguén e moitos menos o fixeramos enriba dun escenario». Unha sensación que é xeral entre os protagonistas da nova produción teatral. «Traballamos desde o emocional. As bágoas correron polo escenario, unhas bágoas de emoción», engadiu Fernando Morán. «Foi un momento especial de recuperación da memoria de cada un de nós», incidiu Eduardo R. Cunha Tatán.

Pola súa banda, Belén Constenla fixo fincapé en que ningún dos cinco pensou «que podiamos movernos tanto por dentro e por fóra» cunha peza teatral. Neste caso, os protagonistas destacan que se trata dun espectáculo moi esixente no que se xera unha enerxía moi especial. «É un declaración de amor entre nós, unha declaración de amor entre nós e as dúas directoras, e vai ser unha declaración de amor cara o público. É unha peza feita moi para o público», conclúe Roberto Leal.

Para os cinco actores e actrices, esta produción do CDG supón «converternos a nós mesmos en personaxes», xa que o que se está contando na peza saíu deles mesmos, desas reflexións feitas durante o proceso creativo.