La Voz ofrecerá o Día das Letras unha antoloxía e biografía de Xela Arias

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Retrato de Xela Arias
Retrato de Xela Arias Xulio Gil

Alba Cid asina o libro, que inclúe un conto infantil da autora homenaxeada. O volume poderá adquirirse con La Voz o luns 17 por 1,95 euros máis o cupón do lombo do xornal.

14 may 2021 . Actualizado a las 10:07 h.

A primeira vez que a poeta Alba Cid (Ourense, 1989) viu un corvo mariño foi nun estanque no parque da Música, de Santiago, unha visión que viña precedida por un poema de Xela Arias que falaba dese mesmo animal. A lembranza abre Xela Arias. Para ser de todo, o libro que La Voz de Galicia ofrecerá aos seus lectores o vindeiro Día das Letras Galegas e co que se suma, como vén sendo habitual dende hai anos, á celebración do 17 de maio. Cid, premio nacional de poesía joven Miguel Hernández no 2020, achégase á figura e á obra de Xela Arias dende o feito biográfico e unha escolma de versos, achegas que non exclúen a interpelación poética a través do tempo.

Nese texto introdutorio, Alba Cid diríxese a Arias para explicarlle algúns deses azares fermosos que pode propiciar a literatura. A autora do libro lembra como aos dezaoito decidiu presentarse a un premio que convocaba un instituto no que Arias ensinara un breve período de tempo, motivo polo cal buscou os seus poemarios na biblioteca, lectura que ocasionou un «cataclismo cinético» e, ao cabo, lle gañou o galardón á nova autora. O episodio é ilustrativo tamén do que Cid cita no seu texto, poñendo o exemplo dun artigo de John Ashbery sobre Gertrude Stein: «Os poetas, ao escribiren sobre outros artistas, tenden a escribir sobre si mesmos».

Alba Cid tamén enumera os factores singulares que caracterizaron a traxectoria poética de Xela Arias: a súa negativa a percorrer acriticamente os itinerarios deseñados por outros e a calar o que non lle gustaba do panorama literario, a súa resistencia a ser utilizada «en calidade de poeta nova, fose por quen fose», e a súa concepción da educación poética dende o esforzo, esixindo unha «lonxitude de onda axeitada» para ler uns versos concibidos dende a autoesixencia.

Ao longo de case 150 páxinas, Xela Arias. Para ser de todo presenta un cumprido retrato biográfico da autora, acompañado por un monllo de fotografías tomadas no ámbito familiar, no eido profesional da edición ou na súa participación en actividades literarias. Esta parte dá paso á escolma, que recolle poemas de libros como Denuncia do equilibrio, Tigres coma cabalos, Darío a diario e Intempériome. O capítulo da creación péchase co relato A fraga dos paxaros faladores e a fraga Leopardicia, que Arias escribiu con 11 anos e que foi primeiro premio nun certame convocado por O Facho. O conto publicouse en La Voz, o 3 de febreiro de 1974. Ademais, o libro inclúe dúas entrevistas con Xela Arias, asinadas unha por Manuel Rivas e outra por María Xosé Porteiro. O volume poderá adquirirse con La Voz o luns 17 por 1,95 euros máis o cupón do lombo do xornal.