O proxecto «Nós» pretende incorporar o galego ao eido dixital a través da intelixencia artificial

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO

CULTURA

Santi Alvite

A iniciativa busca ofrecer na lingua propia ferramentas como sintetizadores de voz, correctores ou tradutores

11 may 2021 . Actualizado a las 16:36 h.

Poder falar con Siri e Alexa en galego ou contar con tradutores simultáneos á lingua propia. Son solo parte das aplicacións que quere posibilitar o proxecto Nós: Intelixencia artificial ao servizo da lingua galega, que impulsa a Xunta en colaboración coa Universidade de Santiago. Trátase dunha iniciativa que «garantirá que a cidadanía de Galicia poida participar no mundo dixital sen renunciar á súa lingua», afirmou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo.

A través deste proxecto Nós —que toma o nome da xeración de intelectuais— para incorporar o galego ao eido dixital desenvolveranse un sintetizador de voz que vai permitir a terceiros incluír nos seus produtos voces artificiais de alta calidade en galego podendo escoller xénero ou idade; un recoñecedor de fala posibilitando a interacción persoa-máquina ou a subtitulación automática; un xerador de lingua natural que converta datos estruturados en oracións en galego; un sistema de diálogo xenérico; un sistema de resposta a preguntas, tanto a través de texto como de voz; un tradutor automático a outras linguas e viceversa; e un sistema de corrección lingüística automática, tanto ortográfica como léxica e gramatical. «O obxectivo é que o galego se integre a nivel de calquera outra lingua na tecnoloxía lingüística», subliñou o presidente da Xunta, para engadir que «aspiramos a lograr que os falantes poidan usar o galego con normalidade en todo tipo de dispositivos, como asistentes de voz, sistemas de recoñecemento da fala ou tradutores de alta calidade».

Antonio López, reitor da USC —que participa na iniciativa a través do Citius (Centro singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes) e do Instituto da Lingua Galega— tamén profundou na importancia da incorporación da lingua galega ao eido dixital da man da intelixencia artificial. «Hoxe o uso e o valor das linguas non se reduce a que estean presentas nos libros e nas nosas conversas. Se non están no mundo dixital, se non as falan e escriben as máquinas, perden presenza e valor, quizais irremediablemente. Se queremos que o galego non se apague, debe ter tamén luz na sociedade e na economía da intelixencia artificial. Se queremos eliminar as barreiras que hoxe teñen moitas persoas, nomeadamente as maiores, para obter os beneficios dos nosos servizos e produtos dixitais, estes han de saber falarlles e escoitalas en galego», indicou o reitor.

Un plan de 15,5 millóns

Para poñer en marcha o proxecto Nós, está previsto un investimento inicial público de 15,5 millóns de euros. A iniciativa buscará achegas nos fondos europeos Next Generation. En caso de non logralos, o presidente da Xunta indicou que se desenvolvería aínda que entón «irá máis lento». Estes 15,5 millóns son, segundo Feijoo, «o maior investimento directo na promoción do galego de toda a nosa historia». Ademais, apuntou que mobilizará más de 45 millóns de euros privados a través de novos produtos tecnolóxicos. Tamén terá impacto no eido laboral. A previsión é xerar 450 novos empregos directos e indirectos. Nese ámbito, o reitor da USC precisou que o proxecto Nós atraerá e formará a máis de medio cento de especialistas nos ámbitos das tecnoloxías lingüísticas.

Para desenvolver o proxecto Nós, a Consellería de Cultura e a Amtega contarán coa participación do Citius e do Instituto da Lingua Galega da USC, ademais de co Centro Ramón Piñeiro de Investigación en Humanidades e coa iniciativa privada.