A compañía de Jan Lauwers estreará na MIT de Ribadavia unha montaxe sobre Shakespeare
CULTURA

A cita teatral celebrarase este ano do 16 ao 25 de xullo
30 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia arriscou o pasado ano desafiando ao coronavirus e mantendo as datas na segunda quincena de xullo. E a MIT, que se celebrará do 16 ao 25 de xullo, volve a erguer a bandeira do risco para ofrecer un programa ateigado de estreas, coproducións e reivindicacións: dende a aposta por dar maior protagonismo á danza ás obras que se centran na terceira idade, no feminicidio ou a transexualidade. E, como un dos grandes eixos temáticos, as versións a partir da obra de Shakespeare. Nesa liña está a montaxe que estreará a prestixiosa compañía belga de Jan Lauwers, que amosará no castelo de Ribadavia a súa montaxe Billy's Violence (16 de xullo, ás 23.00 horas). Lauwers creou a súa poposta escénica a partir das dez traxedias de Shakespeare.
Christos Papadopoulos
A MIT traerá por vez primeira a Galicia ao recoñecido coreógrafo Christos Papadopoulos. Na capital do Ribeiro presentará unha das pezas do seu repertorio: Elveldon, espectáculo inspirado na novela de Virginia Woolf As ondas. Poderase ver o día 23, ás 23.00 horas, no castelo ribadaviense. Pola MIT 2021 tamén pasará o Othello de Voadora, montaxe coproducida pola propia Mostra. Será o día 17 (mesma hora e escenario).
As pezas coproducidas polo Centro Dramático Nacional, a presenza de actores como Tomás Pozzi ou Malena Alterio ou o encontro de dramaturgos galegos e portugueses serán algúns dos sinais de identidade deste ano. Toda a programación, en www.mitribadavia.gal.