
A compañía de Manolo Alcántara citouse onte co público no castelo da vila
26 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia dixo onte adeus, e fíxoo coa compañía de Manolo Alcántara deixando entre os asistentes no auditorio do Castelo, ás beiras da medianoite, unha mestura de emocións, «de comunidade, memoria e festa», en palabras do director da MIT, o carballiñés Roberto Pascual.
O ano pasado, aínda na segunda vaga da pandemia de covid-19, Pascual apostou por unha edición de paréntese, máis autóctona, con risco e presión pola propia situación sanitaria, pero sen perder de vista o obxectivo da Mostra: a internacionalización. «En Galicia, o déficit é coñecer ós grandes mestres sen ir a Madrid ou Barcelona», sostén Pascual. Nesta nova cita estival co teatro e a danza na vila ribadaviense, que comezou o pasado 16 de xullo e rematou este domingo, houbo tempo para contemplar o traballo do coreógrafo grego Christos Papadopoulos, pero tamén o da Needcompany de Jan Lauwers, integrada por actores chegados desde Arxentina ou Bélxica, entre outros países, na súa primeira estadía en terras galegas.
Foi, en definitiva, unha edición orientada a retomar a conexión con Europa, nun contexto de incertidume. «Se algo resume a Mostra deste ano quizais sexa iso, por todo o que implicou a nivel de capital humano, a seguridade do público, traballadores, artistas e voluntarios. A xente ten dereito a ter un evento cultural seguro, e Ribadavia a dispoñer dun motor de dinamización turística sabendo que, nun contexto complicado, tampouco debemos abandonar as nosas artes escénicas e a cultura», pondera o director.
Durante a xornada dominical, con tres actos programados entre a igrexa da Madalena -ó mediodía, coa presenza de autores, actores e dramaturgos de Galicia e Portugal-, na Alameda ás 21.00 horas coa presenza da compañía Vol' e Temps e a súa montaxe Distans, e xa por último, dúas horas despois, no Castelo de Ribadavia, o peche final con Déjà vu, do grupo Manolo Alcántara.
Conta Pascual que esta conclusión da MIT foi moi meditada. En resumo, buscouse unha intencionalidade para conectar co público na despedida. «Falamos dun espectáculo que ten un punto festivo moi emotivo, e a meta era rematar facendo fincapé en que o teatro non é unicamente transmitir ideas, senón emocións á xente do común».
O balance, baixo a óptica de Pascual, foi satisfactorio. De feito, en moitas das actividades houbo incluso lista de agarda. «Os protocolos funcionaron ó 100 %, e iso é o principal. É certo que rematamos esgotados, pero tamén moi felices», expresa o director da MIT de Ribadavia.