Amence un novo día de finais de agosto e a néboa é tan mesta que a penas deixa distinguir a paisaxe nin as casas do val. Descartada a opción praia sen moito trauma, terei que decidir outras alternativas. Eu considero a néboa un fenómeno meteorolóxico máxico, paréceme algo sobrenatural que agocha misterio e melancolía. Entendo que a moita xente non lle guste pola cantidade de incomodidades que pode chegar a crear, mais Galicia é un país de néboas e elas forman parte da nosa climatoloxía cotiá. Probablemente sexan responsables tamén do noso particular carácter porque é imposible que algo tan fantástico e habitual non inflúa dun xeito ou doutro en nós.
Un país con mil ríos, de frondosa vexetación, ás beiras do Atlántico e con tremendas rías é un gran xerador de néboas, xa que todos estes factores determinan a súa formación. A néboa é a representación visual da humidade en suspensión que ás veces trae como consecuencia os orballos e as marmañas que aquí coñecemos ben.
Na miña contorna familiar sempre escoitei dicir néboa, pero en galego temos múltiples vocábulos para este fenómeno atmosférico: brétema, nebra, fuscallo, borraxeira, neboeiro... Inspiradora de escritores, poetas, músicos e cineastas, a néboa sempre está aí e sempre coas mesmas connotacións. De boas a primeiras con este ambiente que cubre hoxe o val lémbrome das brétemas artúricas e de todo o que rodea ese ciclo fantástico inspirado nas tradicións populares.
Tamén lembro as películas La niebla de John Carpenter (1980) e a homónima baseada na novela curta de Stephen King (2007) como desacougantes e perturbadoras, desas que deixan mal corpo. Non esquezo a serie de misterio Néboa rodada en diferentes escenarios de Galicia e tampouco o libro O pobo da néboa de Suso de Toro inspirado no celtismo galego. Na música destaco a reivindicativa e poderosa The foggy dew que teñen gravado The Dubliners, Alan Stivell ou The Chieftains con Sinéad O’Connor entre outros.
En definitiva, pertencemos aos pobos atlánticos da néboa, das humidades orballosas interminábeis, portadoras de antigos vieiros ao alén, deses que sempre están e que poucos poden percibir. Néboas atlánticas, marabilla pura!